A plataforma de autorización de cortas de madeira xa acubilla 155 trámites diarios

xoves, 16 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Tarefas de corta de madeira nunha imaxe de Campo Galego

A Consellería do Medio Rural vén de facer balance da actividade xerada a través do seu visor para a autorizacións de cortas de madeira, unha plataforma posta en marcha o 26 de abril para mellorar e facilitar a tramitación de autorizacións de aproveitamentos forestais. En catro meses, o sistema de comunicación e xestión recibiu 17.130 solicitudes, ou sexa, 155 trámites diarios.
Desta cifra, a maior parte, 9.803, son declaracións responsábeis, que segundo lembra Media Rural é o trámite máis rápido e está vencelllado aos aproveitamentos de especies de medre rápido como piñeiros, eucaliptos ou acacias onde os terreos non están suxeitos a unha protección especial.
Respecto ás autorizacións, aquelas solicitudes que si requiren dun análise previo e contestación por parte da Xunta, xa se presentaron 7.327 solicitudes de xeito telemático neste prazo. A ferramenta, neste senso, pon en xogo as seguintes vantaxes: reduce os prazos da tramitación e habilita un único interlocutor coa administración, neste caso a Consellería de Media Rural, que se constitúe como unha xanela única.
Por provincias, das 17.130 solicitudes a maioría proceden da Coruña (7.903) seguido de Lugo (5.692) e Pontevedra (2.900). No caso de Ourense é a provincia onde menos utilizan esta nova plataforma (635 solicitudes) xa que tamén é o territorio onde se concentran menos plantacións de especies de crecemento rápido.
Como lembraremos, o novo visor de cortas foi posto en marcha para Medio Rural pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e inclúe unha plataforma de información xeorreferenciada que posibilita a visualización de todas as proteccións administracións dun predio con só introducir a referencia catastral do terreo onde se quere cortar madeira.

PUBLICIDADE