A plataforma de datos masivos do SERGAS, premiada por WITSA

venres, 16 de marzo do 2018 Redacción

A tecnoloxía HEXIN, a plataforma de Big Data do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), centrada da explotación de datos clínicos e epidemiolóxicos, vén de ser premiada polo World Information Technology and Services Alliance (WITSA) na categoría de innovación en eSaúde. Segundo salientaron os responsábeis do certame, a plataforma premiada, desenvolvida con tecnoloxía de GMV, é pioneira na súa categoría nunha comunidade autónoma e ofrece a máis de máis de 300 profesionais sanitarios información composta por informes predefinidos con datos estatísticos de utilidade clínica, máis de 800 documentos corporativos en total de disposición pública.
HEXIN foi presentada aos Premios WITSA por AMETIC (Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais), membro deste consorcio de asociacións internacional que representa máis do noventa por cento do mercado de TIC mundial.
Os Premios WITSA Global ICT Excellence diríxense a identificar aos usuarios máis destacados do panorama tecnolóxico-dixital, a nivel mundial e distinguindo as organizacións que obtiveran logros excepcionais no uso das novas tecnoloxías. Logros orientados ás sociedades, os gobernos, as persoas, as organizacións e o sector privado.
Contribución de HEXIN
HEXIN, a plataforma de datos masivos desenvolvida con tecnoloxía de GMV, contribúe á mellora da vixilancia epidemiolóxica, a asistencia clínica, a xestión e a investigación médica. Ao explotar a inxente cantidade de información da que dispón o Sistema Galego de Saúde (informes médicos, notas, receitas, probas diagnósticas que se orixinan nas súas distintas áreas de competencia), é unha “ferramenta esencial para os seus profesionais da saúde coa que extraer información e obter resultados de saúde dos seus pacientes”. Así mesmo, coa información que fornece, posibilítase a avaliación do modelo de farmacia por medio de técnicas de data mining que permiten comparar os patróns dos servizos farmacéuticos.

PUBLICIDADE