A plataforma de ecommerce de Porto do Son aproxímase aos 60 establecementos

venres, 25 de setembro do 2020 S. P.

Nun contexto libre de pandemia, cómpre que as empresas teñan sempre as redes e os móbiles no seu punto de mira, sobre todo porque os hábitos dos consumidores están a cambiar a pasos axigantados, poñendo rumbo á dixitalización. Se isto era válido para unha situación previa á COVID, nunha situación como a actual ten aínda máis peso. Nesta orde de cousas, as plataformas de comercio electrónico dos nosos concellos xogan un papel fundamental, tanto pola súa capacidade para axudar ás empresas a seguir adiante como por facilitar a vida dos compradores. Entre as plataformas da nosa comarca que levan máis tempo activas figura a impulsada polo Concello de Porto Son a través de http://sonoteucomercio.gal.
Trátase dunha ferramenta de balde que pretende aglutinar a todo o tecido empresarial do municipio sonense coa pretensión achegar aos seus integrantes un “recurso esencial na difusión de todos os bens e servizos que ofrecen”. A plataforma é dende o seus inicios un éxito de participación. Segundo compartiu con nós o Concello, a día de hoxe conta con 57 empresas dos sectores máis diversos (comercio, alimentación, hostalería, turismo, servizos profesionais) e en breve recibirá máis incorporacións, xa que os responsábeis da ferramenta están arestora en diálogo cos establecementos da Praza de Abastos para convidalos a adherirse á iniciativa.
A plataforma, que se atopa mergullada na elaboración dos catálogos dos produtos das empresas participantes, conta cunha canle de comunicación no servizo de mensaxes móbiles Telegram, dende a que se informa á veciñanza das ofertas e promocións dos comercios adheridos, ao que se suma unha listaxe de difusión de Whatsapp para as empresas e canles de información nas redes sociais. Nos vindeiros meses a previsión é ofrecer cursos de formación para as empresas da plataforma.
Orixes anti-COVID
A ferramenta recibiu un importante impulso coas restricións derivadas da COVID e a crise sanitaria e económica que provocou a pandemia. En palabras do Concello, “a situación que acabamos de vivir mudou as pautas de consumo e ocio das familias, o que fai necesaria unha adaptación dos servizos e produtos, así como o establecemento doutras canles para a relación co cliente”. Cara ao asentamento destes novos hábitos e facilitar os procesos de adaptación de toda a xente implicada é cara a onde se dirixe a páxina web, que “serve de escaparate para o tecido empresarial de Porto do Son e promove o consumo no ámbito local; potenciando as compras en establecementos de proximidade, seguros, de confianza, con produtos de calidade, etc”.

PUBLICIDADE