A plataforma éDeporte, recoñecida na quinta edición da Bolsa Nacho Mirás

luns, 29 de xuño do 2020 Sonia Pena

A Bolsa Nacho Mirás para novos titulados, iniciativa do Colexio de Xornalistas de Galicia para apoiar proxectos novos (e innovadores) de comunicación entre estudantes que veñan de rematar Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, recaeu súa nesta quinta edición en éDeporte, un medio impulsado por César Fieiras Ceide para narrar historias do deporte galego a través de pezas audiovisuais que poidan ser compartidas nas redes.
Desde o xurado da bolsa salientouse nesta convocatoria o notábel incremento do número de proxectos presentados, que chegaron a duplicar os do ano pasado, ademais da calidade das memorias entregadas polas e polos participantes.
Polo que respecta a éDeporte, é como dixemos un novo medio de comunicación dixital que narra historias de deporte galego, en galego, a través de pezas audiovisuais orixinais que se distribúen na súa páxina web e redes sociais. “O formato de éDeporte”, informa o Colexio, “adáptase ás novas modalidades de consumo de información dos usuarios, ademais de ofrecer unha selección temática baseada nos gustos, peticións e intereses que identifica na conversa cos seus seguidores en redes”.
O xurado valorou o seu carácter excluínte e diverso, global e plural. “éDeporte pretende ser a referencia do deporte galego na Rede, unha plataforma versátil cuxa proposta de valor narrativa e estética mestura tradición e vangarda”, engaden.
César Fieiras Ceide, estudante de último curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, é o principal responsábel do proxecto, e ocupará o cargo de director de contidos de éDeporte.
Paula Avendaño Liste e Lucía Cancela Martínez, ambas as dúas tamén no último ano da dobre titulación de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, serán as directoras de produción e contidos na rede, respectivamente. O resto do equipo está formado por Jorge Hernán Díaz, estudante de último curso do Grao en Comunicación Audiovisual da USC, que traballará na cámara, montaxe e posprodución, e Alejandro Gómez Fernández, graduado en Xornalismo pola USC que se encargará da foto-fixa. Ademais, o medio conta tamén coa colaboración de Íñigo Rolán Taboada, estudante de último curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que exercerá de director de fotografía.
O xurado estivo formado formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela.

PUBLICIDADE