A plataforma galega Fenix celebra o seu primeiro aniversario

martes, 2 de agosto do 2016 Redacción

Fenix, o revolucionario software galego para a xestión clínica, está de aniversario. De feito, xa pasou un ano dende que a firma SIVSA, responsábel do seu desenvolvemento, decidiu poñelo no mercado co obxectivo de optimizar o traballo dos profesionais médicos e das clínicas de dimensión media e pequena. “Ao longo destes primeiros doce meses de actividade”, informa a empresa, “o noso software foi quen de abrirse camiño tanto por España, con maior presenza en Galicia, como por América do Sur, salientando a súa consolidación en Chile”. De feito, a raíz da destacábel andaina de Fenix neste país americano foi preciso adaptar algunhas das súas principais funcionalidades ao dito mercado, amais de integrala coas aseguradoras máis referenciais do ámbito chileno.
Ademais deste proceso de espallamento internacional, Fenix tamén foi obxecto dunha ampliación das súas funcionalidades, engadíndoselle novos módulos como por exemplo a función de sinatura dixital, o cadro de mandos personalizábel, a integración con aseguradoras e a cita en liña, entre outras melloras.
Noutra orde de cousas, SIVSA vén de lembrar que os vindeiros 22, 23 e 24 de setembro, Fenix estará presente na décima Convención Internacional de Ciencias para a Saúde, Tecnosalud 2016, a celebrar en Arequipa, Perú. SIVSA recorda que leva varios anos participando neste evento referencial cunha caseta onde presenta os seus produtos de software sanitario. En concreto, o ano pasado foi a quenda de Fenix, sendo moi ben recibido polos participantes na xuntanza.
Sobre Fenix
Fenix é un software de xestión clínica especialmente pensando e optimizado para médicos e clínicas de pequenas dimensións. A plataforma, como dixemos, foi desenvolvida por SIVSA, empresa galega referencial en solucións informáticas para a saúde, con máis de 25 anos de experiencia e presenza en máis de 30 hospitais en seis países diferentes. Con Fenix, informan os responsábeis de SIVSA, podemos controlar e axilizar de maneira rápida e intuitiva los procesos que se levan a cabo nas clínicas. Todos eles son centralizados en Fenix, dende a chamada para solicitar unha cita até a facturación dos servizos (tanto ao propio paciente como a unha aseguradora).

PUBLICIDADE