A plataforma que busca recuperar o espírito de Vine estrea aplicacións móbiles

mércores, 29 de abril do 2026 Redacción

A aplicación Divine xa está dispoñible na App Store e en Google Play como unha nova plataforma de vídeo curto baseada en clips en bucle de seis segundos. O proxecto preséntase como unha reinterpretación do espírito da antiga Vine, cunha aposta explícita por contido creado por persoas e a prohibición do que define como contido xerado por intelixencia artificial de baixa calidade.
A plataforma recupera preto de 500.000 vídeos históricos de Vine pertencentes a preto de 100.000 creadores orixinais, o que podería rematar sendo todo un problema legal, xa que non parece que recibisen autorización dos mesmos para recuperar tal contido oficialmente desaparecera da Rede. Ademais de arquivar ese material, permite a creación de novos vídeos baixo o mesmo formato restritivo de seis segundos, co obxectivo de promover a creatividade a través da limitación técnica. Varios creadores que tiveron relevancia na etapa de Vine xa comezaron a recuperar os seus perfís e a producir contido novo.
O proxecto conta con apoio financeiro de Jack Dorsey a través da iniciativa And Other Stuff, centrada no desenvolvemento de tecnoloxías abertas. Divine baséase no protocolo Nostr e libera parte do seu código como software aberto, cunha arquitectura orientada a que os creadores manteñan o control dos seus contidos e das súas audiencias, así como posibles vías de monetización propias.
A aplicación defínese como unha rede social centrada na propiedade do usuario e na ausencia de dependencia de algoritmos de publicidade tradicionais. O seu fundador, vinculado ao equipo orixinal de Twitter, enmarca o lanzamento como unha resposta á evolución das redes sociais actuais, ás que atribúe unha perda de control por parte dos usuarios e unha saturación de contido automatizado.
O acceso a Divine realízase de momento mediante código de invitación, cunha despregadura progresiva prevista para os vindeiros meses. 

Vídeo promocional de Divine