A plataforma veciñal de Merexo estrea unha web de protesta en Internet

luns, 5 de novembro do 2007 Raquel Noya

Coa finalidade de protestar contra o Plan Galego de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo na súa localidade, os veciños de Merexo (unha pequena vila de Muxía) veñen de estrear na Rede a web www.merexononsevende.com, dende onde poñen en coñecemento dos internautas de todo o mundo a situación pola que está a pasar esta plataforma veciñal.
Segundo os seus creadores, esta iniciativa “pretende ser unha porta aberta ó mundo co fin de poñen en común a pretensión do goberno galego de usurparlles 270.000 metros cadrados de terras para expropialas e dalas en concesión a intereses particulares”.
Na devandita web recóllense documentos escritos e gráficos que amosan Merexo ó longo da historia ata chegar á actualidade e explicacións de como este feito “provocaría danos irreversibles tanto na paisaxe como na economía e nos recuros de toda a comarca de Fisterra”.
Asemade, merexononsevende.com tamén recolle unha galería de fotos do lugar (que non teñen desperdicio) e unha modesta homenaxe a Manuel Trillo Santiago “O Poeta de Merexo” quen xa, hai máis de 50 anos, cantaba e contaba nos seus versos a potencialidade deste pobo fisterrá que agora loita en Internet por manter o seu patrimonio histórico e paisaxístico intacto, “para deixarllo en herdanza ós seus fillos e netos”.

PUBLICIDADE