A porcentaxe de galegos con competencias dixitais básicas ou avanzadas supera o 61%
luns, 3 de outubro do 2022
O nivel de competencias dixitais entre a cidadanía galega
continúa a súa evolución positiva. En
2021 aumentou nun 18,2% a poboación Galega que dispón de como mínimo
habilidades dixitais básicas, acadando o 61,6%. Entre os internautas,
Galicia ocupa o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas en competencias
dixitais básicas ou avanzadas.
Son parte dos resultados da análise
de Competencias Dixitais elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
(OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en
base aos datos da Enquisa TIC nos fogares do ano 2021 realizada polo INE, que
permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en
Galicia, un perfil sociodemográfico detallado aplicando metodoloxías propostas
polo INE e EUROSTAT.
Os datos presentados analizan as competencias dixitais da
poboación galega partir da metodoloxía Digital Competence Framework
deseñado pola Comisión Europea que se aplica para toda Europa e que establece
cinco dimensións: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de
contido dixital, Solución dos problemas e contorna dixital e, como novidade,
Seguridade e privacidade.
Análise das competencias dixitais por dimensións
A desagregación de habilidades dixitais por dimensións
amósanos a Galicia moi preto da media estatal a pesares de presentar unha
poboación máis avellentada, mentres conserva unha notable vantaxe sobre os
promedios para Europa en todos os indicadores.
En 2021, o 84,7% dos galegos de 16 a 74 anos posúen
competencias dixitais básicas ou avanzadas en materia de Información, cunha
vantaxe de 4,7 puntos porcentuais coa media europea (80%) e o 88,6% dos galegos
de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia de
Comunicación e colaboración, situándose 2,6 puntos por enriba da media europea
(86%).
A Creación de contidos dixitais é a área competencial menos
estendida en Galicia e no conxunto do territorio estatal. Aínda así, a
porcentaxe de galegos/as de 16 a 74 anos con habilidades básicas ou avanzadas
en creación de contidos dixitais (69,7%), supera a media europea (66%) en 3,7
puntos porcentuais
As habilidades dixitais en Seguridade da poboación galega
son as que superan con maior diferenza a media europea. En 2021, o 76,2% dos
galegos/as de 16 a 74 anos dispoñen de habilidades básicas ou avanzadas en
materia de Seguridade, moi preto da media estatal (77,1%) e 8 puntos por riba
da media europea.
En 2021, o 81,7% dos galegos/as de 16 a 74 anos teñen
habilidades básicas ou avanzadas en materia Resolución de problemas, que sitúa
a Galicia a 3,2 puntos porcentuais da media estatal (84,9%) e mellora a europea
(80%)
Perfil sociodemográfico
As competencias avanzadas están máis estendidas entre as
persoas de 25 a 34 anos (58,7%) e tamén entre aqueles galegos que actualmente
están a estudar (69%). Este tipo de habilidades na contorna dixital é máis
frecuente entre as persoas as que teñen formación universitaria (60%) e contan
con rendas superiores aos 3.000 euros ao mes (59,6%).
O nivel de competencias dixitais básicas ou avanzadas
superan xa o 80% entre as persoas menores de 45 anos, estudantes e persoas
ocupadas por conta allea, con formación en FP ou superior.
As competencias dixitais baixas destacan entre a poboación a
partir dos 55 anos, os dedicados a labores do fogar ou pensionistas, quenes
contan cun nivel de estudios inferior á segunda etapa de secundaria, e entre
aqueles que contan con renda inferior aos 900 euros
Cabe salientar que nas dimensións de Comunicación e
colaboración e Seguridade as mulleres superan aos homes no nivel avanzado.