A preincubadora da Tecnópole e a UVigo buscan novos proxectos innovadores

xoves, 21 de decembro do 2017 Redacción

A preincubadora de proxectos empresariais que Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) promove en colaboración coa Universidade de Vigo anda na procura de novos ocupantes por sétimo ano consecutivo. Os gañadores dos premios INCUVI-Emprende do Campus de Ourense (Universidade de Vigo), que teñen o prazo de presentación aberto ata o 19 de xaneiro, instalaranse no Centro de Empresas e Innovación (CEI) do Parque Tecnolóxico de Galicia para desenvolver a súa idea de negocio. O proceso artéllase en tres fases: unha entrevista persoal, un obradoiro de ideas e unha presentación ante unha comisión.
Segundo informa a Tecnópole, até o 19 de xaneiro de 2018, tanto os alumnos que estean a cursar algún grao, máster ou doutorado, como as persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores, poderán presentar propostas para participar no concurso de ideas. En caso de gañar algún dos premios, subministraráselles un programa de preincubación dun ano de duración para converter os seus proxectos en empresas.
Os gañadores instalaranse nas preincubadoras de cada un dos tres campus da Universidade: seis na Cidade Universitaria no Campus de Vigo; catro en Tecnópole en Ourense e dous na Asociación de Empresarios Novos en Pontevedra. Ademais, incorporaranse a un programa dun ano de duración, no que se desenvolverán actividades formativas e de asesoramento e seguimento dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estancia nos espazos de traballo de cada campus.
A sétima edición dos Premios INCUVI-Emprende conta coa colaboración, por primeira vez, da Xunta de Galicia, que se suma á Zona Franca de Vigo, Asociación de Empresarios Novos de Pontevedra, Tecnópole e Cidade Universitaria.

PUBLICIDADE