A primeira misión adicional de Assassin’s Creed Syndicate centrarase en Jack o Destripador

mércores, 16 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro día 23 de outubro os usuarios de PlayStation 4 e Xbox One poderán facerse co xogo Assassin’s Creed Syndicate (a versión de PC chegará o 19 de novembro) e este título que levaranos a explorar a Charing Cross Station na época vitoriana non só amosará a Revolución Industrial dentro da súa historia, senón que tamén atreverase a explorar unha figura arrepiante que aterrorizou Londres 20 anos despois da trama principal, Jack o Destripador, que será a grande ameaza para a Irmandade dos Assassins nun capítulo descargable que supón un grande incentivo para mercar o pase de tempada do xogo (que tamén dará acceso a un lote de misións que chegarán en 2016 e contarán coa presenza dun novo personaxe, Duleep Singh, que busca reclamar o seu dereito de nacemento como marajá).
Aínda que a historia de Syndicate transcorre en 1868, dende Ubisoft consideraron que trasladar a historia ao outono de 1888 podería supor un interesante aliciente para os xogadores, que verían así unha recreación da historia do asasino en serie máis coñecido da historia, incorporando a outras figuras moi habituais noutras ficcións que abordan estes crimes, como o inspector Frederick Abberline de Scotland Yard, con quen os xogadores deberán unir forzas para derrotar ao Destripador.

Vídeo promocional do pase de tempada de Assassin’s Creed Syndicate

PUBLICIDADE