A primeira muller almirante da navegación española, protagonista do novo podcast de Aquí faltan páxinas
mércores, 18 de outubro do 2023
A
considerada primeira muller en ocupar o cargo de almirante na
historia da navegación española, Isabel Barreto, protagoniza este
mes de outubro o programa da Deputación de Pontevedra Aquí
faltan páxinas, ciclo de relatos sonoros en formato podcast
e conferencias que naceu da colaboración da institución provincial
coa firma O Cable Inglés para visualizar e reivindicar mulleres
galegas extraordinarias relacionadas coa provincia.
Este
xoves 19 de outubro o Pazo Provincial acollerá, a partir das 19:00
horas, un faladoiro sobre a traxectoria desta aventureira,
descubridora e “adiantada dos mares do sur”, que impartirá a
investigadora Eloísa Gómez-Lucena, quen defende a orixe
pontevedresa de Barreto. No acto participará a deputada provincial
de Igualdade, Sandra Bastos, e conducirao Marián Fernández, de O
Cable Inglés, coordinadora da colección.
O
faladoiro virá da man de Eloísa Gómez-Lucena, recoñecida
investigadora, antropóloga, documentalista e escritora que colabora
en diversas publicacións de divulgación histórica e está
especializada nos artigos sobre personaxes femininas dos séculos XVI
e XVII e que sostén que Barreto naceu en Pontevedra e probablemente
foi bautizada na basílica de Santa María a Maior.
Ademais
da conferencia, a historia de Isabel Barreto estará tamén
dispoñibel a partir do xoves no podcast de Aquí faltan páxinas
(nas principais plataformas de retransmisión en directo e na páxina
web da institución provincial) e unha ruta virtual que inclúe como
lugar clave da provincia na súa biografía a basílica de Santa
Maria A Maior, na que foi bautizada Isabel Barreto.
O
proxecto Aquí faltan páxinas inclúe unha antoloxía de 12
podcasts, un por cada mes deste 2023, para pór en valor os logros de
María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo,
Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina
Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía
Novoa.