A primeira novela de Carolina Iglesias estréase como audiolibro

venres, 8 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Na Internet é sobradamente coñecida a oleiresa Carolina Iglesias, unha cómica, guionista e presentadora que forxou unha carreira tendendo pontes entre programas de televisión como Operación Triunfo e as audiencias mozas que estaban moi pendentes ás redes sociais e á Rede, así como tamén construíu a súa imaxe de marca como Percebesygrelos en YouTube, desembocando en proxectos como o podcast Estirando el chicle, que non só encheu auditorios por toda a xeografía española, senón que tamén foi merecedor dun Premio Ondas 2021 ao mellor programa de emisión dixital.
Esta creadora non se limitou a soportes audiovisuais e sonoros, senón que tamén se atreveu a publicar obras en papel, como o libro El amor, qué movida, editado en 2018, e o pasado marzo deu o salto á ficción con Para siempre es mucho tiempo, da editorial Temas de Hoy, obra que asinou esta mesma semana na Feira do Libro da Coruña.
Curiosamente esta novela romántica está hoxe de actualidade, xa que a tenda de Google Play vén de incorporala en formato audiolibro, a un prezo de lanzamento de 14,99 euros, destacando polo feito de estar narrado directamente pola súa autora, converténdose nun xeito diferente de experimentar a creación de Carolina Iglesias, se cadra, máis persoal que a propia presentación en forma de texto impreso.

Carolina Iglesias visitou esta semana a Feira do Libro da Coruña