A primeira plataforma dixital centrada na exportación de alimentos e bebidas a China aséntase en Lugo

venres, 15 de decembro do 2023 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta semana a sexta das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma, artellada durante a pandemia para favorecer a diversificación industrial e crear emprego estábel e de calidade no municipio. Trátase de Monkey Markets, empresa especializada no sector de alimentos e bebidas centrada na transformación dixital do proceso de comercialización con China, cuxos fundadores levan 10 anos traballando en proxectos innovadores do sector neste país.
Esta startup creou a primeira plataforma dixital que integra todos os procesos necesarios para facilitar a exportación de produtos alimenticios e bebidas ao mercado chinés, “fornecendo á súa carteira de clientes (cun acceso online rápido e sinxelo) da información actualizada sobre datos aduaneiros, vías de comercialización, etc”, explicou a rexedora, engadindo que o seu cometido céntrase “non só en poñer en contacto aos exportadores europeos cos importadores chineses, senón que tamén posibilita a creación de negocios e alianzas entre eles, articulando unha rede internacional de sinerxías”.
A mandataria local referiu tamén que, co apoio do Lugo Transforma, do que recibirá 50.000 €, Monkey Markets poderá afrontar o seu fortalecemento, especialmente no que ten que ver co desenvolvemento de produto e mercadotecnia. Integrada nestes momentos polos dous socios fundadores, entre as súas expectativas atópase contratar nos vindeiros 4 anos a un total de 20 traballadores/as.
Antes de rematar a alcaldesa puxo en valor o carácter punteiro da proposta “que foi a primeira startup española en incorporarse, en 2021, á exclusiva lista de plataformas da ONU que destacan polo uso innovador dos datos o que, á súa vez, afianza a capacidade da estratexia Lugo Transforma como polo de atracción de empresas que se atopan á vangarda dos seus sectores”.
Iago Sanmartín, vo-director executivo da empresa, aproveitou a súa intervención para poñer de manifesto o seu agradecemento ao Concello de Lugo “e á alcaldesa por convidarnos a facer este anuncio. Para nós a entrada de Lugo Transforma é fundamental para poder seguir desenvolvendo o noso proxecto. Ademais, estamos moi felices de poder ser parte desta estratexia e desta cidade que aposta tan forte pola innovación e a creación de emprego. Gustaríame tamén darlle a benvida á familia Monkey Markets como novo socio xunto a Netaccede e Xesgalicia e dar as gracias a Torsa Capital pola xestión e o traballo conxunto nestes meses”, afirmou.
Lugo Transforma
O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo - que mobilizou 12 millóns de euros - e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanáne Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.
Ata a data, lévanse presentado un total 75 proxectos ao fondo Lugo Transforma, dos que 12 se atopan actualmente en análise, cun investimento materializado de 1.710.000 euros nas seis incorporacións xa efectivas (LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway , Boldest e Monkey Markets) que xuntas crearán en torno a 210 postos de traballo directo no municipio.