A principal fonte de desinformación en X/Twitter corresponde a contas verificadas

venres, 20 de outubro do 2023 Marcus Fernández

NewsGuard está a monitorizar a desinformación relativa ao conflito armado en Israel, constatando un dato moi preocupante relativo a X/Twitter: os meirandes propagadores de desinformación sobre o conflito son contas de usuario que locen o selo de verificación que actualmente non verifica nada (pois simplemente indica que se paga mensualmente para ter características adicionais na plataforma).
Durante a primeira semana do conflito analizaron as 250 publicacións que conseguir maior interacción que promovían falsidades ou manipulacións, e detectaron que 186 destas entradas correspondían a contas verificadas, ou sexa, que o 74% da desinformación en X corresponde a contas ás que a plataforma dá unha maior visibilidade.
NewsGuard tamén desmonta o argumento de X de que as Notas da Comunidade son unha boa ferramenta para a loita contra a desinformación, pois só 79 das 250 publicacións analizadas amosaban unha nota, ou sexa, que só o 32% das falsidades máis difundidas tiñan algún tipo de matización visible.
Cómpre salientar que a importancia da propagación da desinformación en X transcende a propia plataforma, xa que boa parte das falsas narrativas sobre o conflito armado que se propagan por Instagram e TikTok nacen na plataforma de Elon Musk, de aí que sexa importante cortalas de raíz.
O estudo sobre a desinformación detectou contas nas que as visualizacións das súas falsidades sumaban millóns, concluíndo que os superpropagadores de propaganda e desinforamción en X son usuarios verificados.

PUBLICIDADE