A privacidade, a xenética e a Intelixencia Artificial, claves temáticas da X Xornada Iuristicgal

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

Este 21 de outubro toca falar de privacidade, xenética e Intelixencia Artificial. Tres cuestións candentes que servirán de alicerce temático á X Xornada de Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). Na apertura do evento participarán o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; a directora da AMTEGA, Mar Pereira; e o presidente do CPETIG, Marcos J. Mata.
Os mecanismos para garantir a privacidade, os medios de proba eficaces na loita contra os ciberdelitos, o tratamento de datos xenéticos e a intelixencia artificial como apoio da labor xudicial serán protagonistas da décima edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos Iuristicgal, que se celebra este 21 de outubro en formato mixto, presencial e streaming, no GaiásTech (Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela).
A organización da xornada conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) no marco do convenio asinado co CPETIG para a realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das TIC en Galicia.
O obxectivo desta edición é “dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas”.
Relatores expertos
A xornada está estruturada en catro relatorios e rematará cunha mesa redonda na que os relatores, xunto aos participantes, debaterán sobre o poder da tecnoloxía na protección dos dereitos da cidadanía e a optimización do funcionamento da xustiza.
Os catro convidados expertos que impartirán os relatorios principais da xornada son:
-Juan Corvalán, fiscal xeral adxunto de Bos Aires (Arxentina) e creador e desenvolvedor de Prometea, un sistema pioneiro de asistencia virtual mediante Intelixencia Artificial para a redacción de documentos xudiciais que emprega o Ministerio Público Fiscal da Cidade Autónoma de Buenos Aires desde 2018 (en streaming).
-Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional; antigo director xeral de Xustiza da Generalitat Valenciana, destacado investigador da aplicación do Dereito ás novas tecnoloxías e autor de libros como Ejecución de sentencias penales (editorial Cólex, 1994) y Delitos tecnológicos: definición, investigación y prueba en el proceso penal (editorial Sepin, 2016), entre outros (en presencial).
-Pilar Nicolás Jiménez, profesora de Dereito e investigadora da Cátedra de Dereito e Xenoma Humano da Universidade do País Vasco; participante en 12 proxectos de investigación nacionais e 10 internacionais, divulgadora científica e coordinadora do International Legal and Ethical Advisory Board de la Rare Anaemias Disorders European Epidemiological Platform (en presencial).
-Carmela Troncoso, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora galega especialista en privacidade. Profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza, onde está á fronte do laboratorio Spring (Impacto do aprendizaxe automático na sociedade: seguridade, privacidade, equidade; enxeñería de sistemas de preservación da privacidade e marcos para a avaliación da privacidade). Fundadora do protocolo DP-3 T adoptado por Apple e Google nas súas aplicacións de rastrexo COVID (en streaming).
Inscricións
A inscrición na xornada para o público xeral está aberta a través de web do evento, onde tamén está dispoñíbel o programa completo.

PUBLICIDADE