A proba electrónica na Xustiza centra unha nova charla en liña do CPEIG e AMTEGA

mércores, 27 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan este 28 de outubro un novo espazo de networking e debate ao abeiro do ciclo tres14.pm. O obradoiro deste xoves versará sobre A proba electrónica na Xustiza, e estará impartido polo maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Tui, Ana Isabel Cabido. Celebrarase por streaming ás 15:00 horas.
Ana Isabel Cabido é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago (USC) coa cualificación de Premio Extraordinario Fin de Carreira. Accedeu á carreira xudicial por oposición no ano 2011, sendo o seu primeiro destino o Xulgado de Instrución número 2 de Vigo. Posteriormente exerceu as súas funcións no Xulgado especializado en Produtos Bancarios, Preferentes e Subordinadas, creado en Vigo no ano 2014 para atender as numerosas demandas relativas a estes produtos. Por concurso de xuíces accedeu no ano 2015 ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Tui, onde ascendeu categoría de maxistrada en novembro de 2020 e no que permanece na actualidade.
O venres 29, tamén por streaming ás 15 horas, celebrarase a xornada Os novos fondos europeos e a súa aplicación na estratexia de transformación dixital da Sanidade Galega que impartirá o director de Solucións Asistenciais do Sergas, Benigno Rosón.

PUBLICIDADE