A programación con Arduino chega este mes ao viveiro de Barro

venres, 11 de xaneiro do 2019 Redacción

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, regresou en xaneiro cunha manchea de obradoiros TIC dirixidos a facilitar a dixitalización e a competitividade entre os nosos autónomos, empresas e profesionais. Ás 21 accións preparadas para a comarca de Vigo (nos centros SmartPEME de Ponteareas, Vigo e Porriño), ás 14 previstas para Pontevedra e a contorna de Lalín e ás sete citas de Cambados cómpre sumar agora os catro obradoiros de Barro-Meis, a desenvolver no viveiro de Barro. Haberá oportunidades para adestrarnos en programación avanzada co hardware-software libre Arduino e en impresión en 3D.
As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
A primeira cita foi onte ás 18 horas, coa acción Programación con Arduino I. A segunda acción, Programación con Arduino II impartirase o xoves, 17 de xaneiro, ás 18 horas. Pola súa banda, Impresión 3D orientada á xoiaría impartirase o luns 28 de xaneiro, ás 10 horas. Por último, o xoves 31 de xaneiro, ás 18 horas, terá lugar o curso Programación con Arduino III.
A oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE