A protección de datos persoais ante o uso electoral centra unha campaña informativa do CPEIG

martes, 26 de marzo do 2019 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) lanza unha campaña informativa sobre a protección dos datos persoais ante o seu uso electoral, dada a inminente celebración das eleccións xerais e municipais dos vindeiros meses de abril e maio no conxunto do Estado.
Actualmente, os partidos políticos usan os datos persoais que figuran nas contan de redes sociais a través da tecnoloxía Big Data, una manobra que provocou auténticos escándalos internacionais, como foi o caso da compañía inglesa Cambridge Analytica que supostamente utilizou datos de contas de Facebook para a campaña de Trump e no proceso electoral do Brexit.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que a entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) parecía presaxiar que España podería estar a salvo deste tipo de intromisións na privacidade. Pero a recentemente aprobada Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal e Garantía dos Dereitos Dixitais, introduciu unha interpretación particular dunha excepción contemplada na normativa europea no relativo ao tratamento de datos por razóns de interese público xeral, permitindo aos partidos políticos «certa liberdade» en tres ámbitos: o tratamento de datos ideolóxicos, a recompilación de datos en redes e o envío de propaganda electoral. Suárez salienta que «é preciso maior vixilancia na protección de datos e na privacidade dos usuarios de redes sociais e regular este uso da tecnoloxía para influír no voto dos electores».
Esta modificación da lei, introducida no último momento sen debate e consenso, provocou unha gran polémica. Por iso, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) publicou unha circular na que se establecen unha serie de límites aos partidos políticos para evitar o correo lixo electoral e para que non poidan establecer perfís ideolóxicos, de forma que, aínda que envíen publicidade, non o poidan facer de forma dirixida, sendo sancionados en caso de non cumprir estas indicacións.
Por outra banda, o regulamento europeo introduce unha serie de garantías para os cidadáns da Unión Europea, entre as que destaca o dereito de oposición ao tratamento e inclusión dos datos de carácter persoal nos censos electorais.
Por todo isto o CPEIG publica un folleto dispoñible en liña que recolle todas estas cuestións lexislativas e ofrece unhas recomendacións para que os cidadáns estean informados das opcións que teñen para protexer os seus datos persoais.

PUBLICIDADE