A provincia da Coruña acadará o 100 por cento de conexión á Rede no 2013

mércores, 28 de abril do 2010 Raquel Noya

Na actualidade, un 75,63 por cento da poboación da provincia da Coruña conta con acceso a Internet, unha porcentaxe que está moi por enriba das cifras rexistradas hai uns anos pero que, para satisfacción de tódolos internautas (incluídos os de fóra destes lindes que teñen amigos e clientes na zona), a cifra debería estar máis preto da cobertura total.
Acadar isto é un dos obxectivos do Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia, porén, como as cousas deben facerse paseniñamente, sen presas pero sen pausas, o Executivo vén de anunciar que “o 95,63 por cento dos habitantes da provincia da Coruña terán acceso a un servizo de Internet de calidade no 2013”, quedando en igualdade de condicións que outros núcleos poboacionais con mellor servizo de Rede á súa disposición.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, deu a coñecer esta iniciativa durante a presentación das liñas do devandito Plan aos alcaldes da provincia coruñesa, onde fixo fincapé na importancia de manter a colaboración entre todos os axentes implicados nesta iniciativa de “marcado carácter transversal”.
A responsable de Innovación Tecnolóxica indicou que o Plan investirá 67,8 millóns de euros na provincia da Coruña para levar a cabo esta acción e conseguir que o 24,5 por cento dos habitantes que non dispoñen de conexión de calidade á Rede poidan acceder á banda ancha.
O Plan, entre outras cousas, contempla o despregamento de redes fixas que permitirán garantir a dispoñibilidade e o acceso a banda larga nos núcleos con maior demanda desatendida nas zonas carentes deste servizo a través de redes de alta capacidade.

Proxectos Municipais
Actualmente, segundo indicou a secretaria, “moitos concellos galegos están levando a cabo proxectos de implantación de redes municipais de banda larga para tratar de solventar as necesidades de conexión a Internet dos seus veciños”; nestes senso, Mar Pereira advertiu que “a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) vén de aprobar o anteproxecto de circular no que se establecen as condicións que deberán cumprir as Administracións públicas cando estas exploten redes ou presten servizos de comunicacións electrónicas”. “O establecido no anteproxecto de circular, tras a súa aprobación final”, engadiu, “pasará a ser de obrigado cumprimento para calquera Administración Pública que explote redes ou preste servizos de comunicacións electrónicas”.

PUBLICIDADE