A publicación Lugo en Cifras urxe a impulsar a dixitalización das empresas de menor tamaño

xoves, 28 de decembro do 2023 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este xoves 28 de decembro a nova publicación Lugo en Cifras 2023, un estudo elaborado por cuarto ano consecutivo pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial, e que recompila os datos demográficos, sociolaborais e económicos máis significativos da provincia e dos 67 municipios que a conforman.
A publicación ten un marcado cariz tecnolóxico, non só por contar con web de seu (lugoencifras.org), senón porque boa parte dos datos que achega son datos de transformación dixital. Así, pon o foco na necesidade urxente de acelerar a dixitalización das empresas máis pequenas.
Destacou José Tomé que a institución provincial axudou a recuperar no ano 2020 esta publicación, que xa vai camiño de consolidarse. Valorou Lugo en Cifras como “unha fotografía fiel e rigorosa, que retrata con exactitude o que somos, amosando aquelo do que debemos sentirnos orgullosos e no que debemos mellorar”
“A publicación constata o potencial da economía da nosa provincia, como reflicten os últimos datos referidos a turismo, a actividade económica ou a empresas en activo”, sinalou, engadindo que “en xaneiro do 2022 a provincia xa tiña creadas un cento de empresas máis que no mesmo mes do 2021, ata superar as 24.100 activas nos 67 concellos”. Tamén remarcou que “os últimos datos dispoñíbeis apuntan ao incremento do Produto Interior Bruto na provincia nun 11%, chegando así ata os 6.862M€, o que representa o 12% do PIB total de Galicia”.
Tomé tamén salientou que o informe recolle algúns datos que coinciden coas liñas de traballo que impulsan a Deputación e a CEL, por exemplo a necesidade de seguir apoiando a modernización das pequenas e medianas empresas, “porque o 80% das que teñen máis de 10 empregados contan con páxina web, pero esa porcentaxe cae a só o 30% no caso das máis pequenas”. Nese sentido, o presidente apuntou que “facilitar ás PEMES formación e axudas para a dixitalización, para estar presentes no mercado global ou para incorporar medios de mercadotecnia dixital e accións semellantes, segue a ser un obxectivo fundamental para asentar a boa marcha do noso tecido produtivo”.
Necesidade de dixitalización nas microempresas máis pequenas
Na presentación o presidente da CEL destacou que “pasada a pandemia, no ano 2021 comezou unha recuperación de empresas con sede social na provincia, que pasan de 24.000 nese ano a 24.109 en xaneiro do 2022”. Un gran número delas son microempresas sen asalariados ou pemes con entre 1 e 9 empregados. Preto do 80,3% delas ten conexión a Internet, unha cifra que aumenta a un 98% para as empresas de máis de 10 empregados. Entre as empresas máis pequenas, só o 31% ten páxina web, fronte ao 79% das que teñen máis de 10.
Lugo en Cifras 2023 subliña ademais que no ano 2022 a provincia exportou en torno aos 755M€ e importou máis de 782M€, o que deixaba unha balanza comercial negativa co exterior por valor de preto de 27M€. “O ano 2022 recuperou a alza do número de exportacións”, aseguran desde a CEL, “pero aínda supón una balanza negativa”. Apuntan tamén que a gran maioría deste intercambio comercial cos mercados internacionais prodúcese coa Unión Europea.

PUBLICIDADE