A quinta Gala do Libro Galego 2020 celébrase este sábado 21 en formato virtual

venres, 20 de novembro do 2020 S. P.

Este sábado 21 de novembro ás 12 horas terá lugar a celebración dos Premios da Gala do Libro Galego 2020, que desta volta celebran a súa quinta edición en formato virtual nunha Gala conducida por Quico Cadaval e difundida por Youtube.
Os Premios da Gala do Libro Galego están organizados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), contan coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Concello de Santiago e é unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.
A V Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración o pasado 9 de maio de 2020 e a organización do evento decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores ese mesmo día e adiar a cita para o 21 de novembro, ás 12.00 horas, en formato virtual, desde a canle de Youtube da Gala.
Gañadoras na V Gala do Libro Galego
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. Os membros do xurado sinalaron “a altísima calidade das obras en concurso”, o que dificultou a elección final. “Isto”, explicaron, “certifica o bo momento actual da creación literaria e do mundo do libro galego neste intre particularmente difícil que atravesa a nosa sociedade”.

PUBLICIDADE