A quinta Xornada de Informática Xudicial celébrase en Santiago o 21 de outubro

martes, 15 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Se hai un referente galego e estatal en materia de puntos de encontro arredor da interrelación entre novas tecnoloxías e Xustiza, ese referente son as Xornadas sobre Informática Xudicial que organiza dende hai xa uns cantos anos o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG. A vindeira edición deste evento celebrarase o vindeiro 21 de outubro en Santiago, baixo o seguinte lema: A cibervixilancia no século XXI: ciberdelitos, vixilancia on line e eXustiza. Segundo informa o CPETIG, o obxectivo desta actividade divulgativa é “concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos que intervén a informática”. Unha vez máis, e xa van cinco, contarase cunha nutrida representación de especialistas neste punto, ben amplo, onde se xuntan e mesturan Xustiza, investigación policial e novas ferramentas dixitais.
A quinta Xornada sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnica e Proba Electrónica celebrarase na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago) e contará coa colaboración da Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.
Outro dos obxectivos do CPETIG con esta actividade, amais do devandito, é dotar de meirande seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica, “ao tempo que se incrementa a efectividade e a eficacia da Administración xudicial co uso das novas tecnoloxías”.
Segundo informa o colexio que preside Marcos Mata a conto dos porqués destas xornadas, “o desenvolvemento dos dispositivos electrónicos móbiles, as redes de comunicación e outras ferramentas informáticas abriron un amplo abano de posibilidades para as relacións sociais e comerciais pero tamén un novo cúmulo de riscos, moitas veces descoñecidos dos que os usuarios non foron advertidos ou protexidos axeitadamente”. En palabras do CPETIG, estamos a ser testemuñas, tamén, dun importante e salientábel proceso de adaptación: o da propia Lei en si mesma, organizadora das relacións sociais, cara á nova realidade xerada polos elementos da contorna dixital.
Botar luz sobre estes cambios e transformacións, facendo fincapé no recente e no inmediato, é outras das finalidades da Xornada. En opinión dos organizadores do evento, faise preciso difundir entre o Poder Xudicial e os xuristas en xeral non só os contidos da dita adaptación, senón tamén a nova realidade tecnolóxica que a xera, “así como as ferramentas coas que contan os profesionais para facela valer e aplicala ao caso concreto”.
O evento, en base ao devandito, vai dirixido a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, que terán a oportunidade de coñecer a opinión dos expertos nesta materia máis importantes dos ámbitos galego e estatal, a través dos distintos relatorios organizados polo CPETIG, baixo a dirección técnica do especialista Víctor Salgado –avogado socio do bufete Pintos & Salgado- e a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O programa da actividade
A xornada comezará ás 8.30 horas do día 21 de outubro coa recepción e entrega de documentación. Logo, ás 9.00 horas terá lugar a presentación do evento e xa seguido o relatorio Os retos xurídicos da ciberseguirdade, do letrado da Cortes, Pablo García Mexía, autor de A Lei na Rede” de ABC. O segundo relatorio desenvolverase a partir das 10.30 horas e será pronunciado polo maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, quen disertará sobre A validez da proba electrónica en sede xudicial. Despois do café, Luis Jiménez, subdirector xeral do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) afondará na Ciberdefensa e a protección das infraestruturas críticas no século XXI. Ás 13:00 horas celebrarase unha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, sobre O difícil equilibrio entre a liberdade e a seguridade en Internet. Xa pola tarde, Juan Luis Rambla, consultor de Seguridade e Sistemas, pronunciará o relatorio Os hackers e o desafío á seguridade informática. Deseguido intervirá o fiscal do Servizo de Criminalidade Informática da Fiscalía Xeral do Estado, Jorge Bermúdez, quen falará sobre Os kackers son de Marte e os xuíces de Venus. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre Hackers: ¿ameaza ou garantes da seguridade na Rede?.

PUBLICIDADE