A quinta feira Pont-Up Store converterá Pontevedra na capital das competencias dixitais e os videoxogos

mércores, 13 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A quinta edición da feira Pont-Up Store de Pontevedra promete ser unha cita ineludíbel coas tecnoloxías, as competencias dixitais e os videoxogos. Así se fixo saber onte na presentación do encontro, celebrado na cidade do Lérez, onde se lembraron as datas do evento (os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España) e onde se reivindicou, ante todo, o “talento transformador como enerxía para mudar o mundo”. Tamén se debullou boa parte do programa, moi centrado no pulo das competencias dixitais. Segundo se fixo saber, a feira, que mostrará arredor de 50 novos emprendementos, “vai celebrar dun xeito moi especial estes cinco anos de percorrido”. Tanto é así que os seus responsábeis coinciden en afirmar que estamos ante “o encontro de emprendemento áis importante de Galicia”.
No presentación participaron a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o responsábel de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o director da Pont-Up Store, Pedro Figueroa.
Anabel Gulías salientou “a cooperación institucional para poñer en marcha un ecosistema creativo que permite ás emprendedoras e emprendedores atopar na cidade un escenario idóneo para presentar e testar os seus negocios”.
Pola súa parte, López Font resaltou “o medre exponencial do evento nestes cinco anos de traxectoria e o gran papel deste encontro promovendo a cultura do emprendemento e facilitando ás novas empresas espazo e visibilidade”.
O novo vicerreitor, Jorge Soto, marcouse como obxectivo ’’”levar a Pontevedra ás cotas máis altas en canto a creatividade de proxectos a través de Pont-Up Store”.
Por último, Figueroa avanzou que nesta edición o evento presentará arredor de 50 novas iniciativas innovadoras de mercado, “unha mostra do talento transformador do país, concentrado principalmente no eixe atlántico pero que cada vez máis chega tamén das pequenas vilas”. Ao fío disto, lembrou que un 35% das candidaturas recibidas o ano pasado procedían de poboacións pequenas. O director do encontro avanzou tamén que a día de hoxe recadáronse xa 30 solicitudes de participación entre as que cómpre salientar as empresas de alicerce tecnolóxico, “que xa suman máis cás recibidas no conxunto das anteriores edicións”.
Na cita cos medios tamén se lembrou que Pont-Up Store vén da man do Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal e doutros 11 patrocinadores entre os que se atopa tamén a Deputación de Pontevedra, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas.
O programa deste ano estará especialmente enfocado ao desenvolvemento de competencias dixitais a través de propostas e formatos que van ter como fío condutor a tecnoloxía e a aprendizaxe. A do 20 de setembro será unha xornada adicada á formación con conferencias, encontros, charlas, obradoiros, experiencias de internacionalización e presentacións de iniciativas de economía social. Ao abeiro desta programación celebrarase unha sesión centrada nos videoxogos como “oportunidade de emprendemento” na que participarán empresas punteiras pontevedresas.
As xornadas do 21 e o 22 a actividade principal xirará en torno á carpa instalada na Praza de España para mostrar os mellores emprendementos galegos tanto nos stands coma no espazo central, onde as iniciativas de mercado seleccionadas polo comité desenvolverán actividades demostrativas. Amais, volverase contar tamén cun laboratorio creativo de fabricación dixital e impresión 3D, onde haberá exposicións, demostracións e sesións de iniciación en continuo “cun especial protagonismo da fabricación dixital enfocada ao mundo da música”.
Coma na anterior edición, celebraranse varios encontros anuais de entidades do ecosistema emprendedor, como o Meetup de Wordpress, a Asociación Española de Mentoring (AMCES) e a xuntanza anual de AJE Galicia (que incluirá unha mesa redonda cos presidentes das 6 “AJE” de Galicia).
No acto de onte tamén se recordou que dende o pasado 29 de maio está aberto o prazo para presentar candidaturas a través da web www.pontupstore.com.

PUBLICIDADE