A quinta parte dos usuarios da Internet descoñece o que son as cookies

xoves, 21 de agosto do 2025 Redacción

A alfabetización dixital segue a ser unha materia pendente en España segundo o estudo Somos Datos, elaborado pola consultora Redegal, que sostén que o 21 % dos cidadáns recoñece que escoitou falar das cookies mais non sabe realmente que son nin para que se empregan, mentres que un 1 % admite descoñecemento total. Só o 78 % asegura comprendelas.
Os datos revelan unha preocupante fenda de coñecemento que se estende a todas as idades e que pon en cuestión a validez do chamado consentimento informado que a lexislación europea e española esixen cando un usuario acepta o uso de cookies ao entrar nunha páxina web. A normativa obriga ás empresas a solicitar ese permiso de forma clara, transparente e sen ambigüidades, pero resulta difícil falar de verdadeira transparencia cando unha parte relevante da poboación non entende o que está a aceptar.
O informe tamén analiza a percepción da publicidade personalizada, directamente ligada ao uso destas ferramentas. O 58,7 % dos enquisados admite recibir anuncios adaptados aos seus intereses, mais só un 15,7 % valóraos como útiles. Máis da metade (52,2 %) acéptaos con reservas por motivos de privacidade e un 32,1 % prefire anuncios xenéricos.
A enquisa realizouse en liña durante o primeiro semestre do ano cunha mostra de 1.000 adultos en España.