A raíña Urraca I de León centra un novo podcast de Aquí faltan páxinas
luns, 9 de setembro do 2024
A raíña Urraca I de León, primeira muller monarca en Europa en exercer un reinado en pleno dereito, será a protagonista este venres 13 de setembro no Castelo de Sobroso dunha nova entrega do programa de relatorios en formato poddcast Aquí faltan páxinas, impulsados pola Deputación de Pontevedra. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro dando paso (ás 19:00 horas) á xornalista e escritora Isabel San Sebastián (que publicou este ano La temeraria, un libro centrado na súa figura) e a historiadora experta en historia medieval feminina Carla Trincado.
O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun podcast que estará dispoñíbel nos próximo días tanto no sitio web institucional como en Ivoox e Spotify, con testemuños recollidos durante o encontro deste venres.
O faladoiro centrarase na alcumada A Temeraria polo seu carácter batallador, filla e sucesora Afonso VI e Constanza de Borgoña. En 1109 ascendeu ao trono do reino de León, que abranguía tamén Galicia. Durante o seu mandato demostrou ser unha muller moi adiantada á súa época, que cambiou as regras que marcaban como debían comportarse as monarcas.
A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a artista Mercedes Ruibal, a soprano María Pardo, a política e activista Urania Mella e a combatente María Araujo.