A rapazada da Asociación Inventiva tira proveito da Aula Newton Galicia
luns, 29 de xuño do 2026
A rapazada da Asociación Inventiva, entidade formada por pais e nais de nenos e nenas con inquedanzas intelectuais, talentos ou altas capacidades da provincia de Pontevedra, participou nunha intensa xornada científica e lúdica (unha actividade de fin de curso) achegada pola Tecnópole.
En concreto, preto de 80 rapaces e rapazas integrados na asociación, de último curso de Primaria e da ESO, pasaron a mañá na Aula Newton Galicia instalada no Parque.
Esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas -a primeira destas características en España- está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Tal como indicou a vicepresidenta de Inventiva, Ana Valverde, “estes rapaces necesitan que se lles estimule, precisan actividades que lles supoñan un reto, e a Aula Newton cumpre con esas expectativas. Tiveron a oportunidade de poñerse aos mandos dos simuladores de voo profesionais cos que conta a Aula, responder a unha hipotética misión de rescate, calcular as rutas de voo…. Foi fantástico. É unha experiencia moi recomendable”. A voceira da asociación puxo de relevo que “as actividades científicas aplicadas como esta, que teñen un enfoque real, engánchanos moito. E isto, unido á convivencia e ás relacións interpersoais, resúltalles de moita axuda”.
Pola súa parte, a rapazada de 9 a 11 anos participou nunha xincana científica e os máis pequenos gozaron realizando diferentes experimentos. Ao remate da mañá, desfrutaron todos xuntos dun espectáculo de ciencia. Xa pola tarde, as familias culminaron esta xornada de convivencia na piscina do Parque.
Tecnópole amosa deste xeito o seu compromiso e apoio a organizacións sen ánimo de lucro, entendendo que a través deste tipo de iniciativas contribúese a axudar a colectivos que teñen maiores dificultades á hora de acceder a certas propostas. Así, en setembro está prevista tamén a participación de Down Ourense nunha xornada similar na Aula Newton, co fin de estimular á rapazada a través desta innovadora actividade educativa.
