A rapazada de Barreiros conecta con Papá Noel por videoconferencia
martes, 17 de decembro do 2024
Dende o 11 de decembro e até o 19 de decembro as aulas da Rede CeMIT nos nosos concellos están a manter comunicacións por videoconferencia cun célebre persoeiro relacionado con estas datas de Nadal: o Papá Noel. Nestas conexións con Laponia participarán un total de 663 os nenos e nenas de educación infantil de 20 concellos os que participarán nesta iniciativa, que celebra xa o seu décimo sétimo aniversario. Esta semana é a quenda da rapazada de San Cosme de Barreiros.
Os encargados de inaugurar estes encontros virtuais o mércores 11 de decembro foron os escolares de Educación Infantil do CEIP Xaquín Lorenzo Xocas de Bande.
Nos seguintes días e ata o 19 de decembro conectarán con Laponia, en intervalos de media hora, as aulas CeMIT de Abegondo, Bande, O Barco, Barreiros, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, A Fonsagrada, Guitiriz, Leiro, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día e da Asociación Alume de Guitiriz, así como persoas usuarias da Asociación Pro-Minusválidos Aspromor de Ortigueira.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta busca “converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”.
A comunicación con Barreiros
A Aula CeMIT de Barreiros acolle esta semana esta actividade máxica e chea de ilusión para as nenas e nenos do municipio, e faino en dúas quendas. Este luns, 16 de decembro, foi a quenda do alumnado do CEIP de San Cosme, que se desprazou ata a aula para participar nesta experiencia. Mañá, martes 17, será o alumnado do CEIP de San Miguel quen viva esta conexión máxica coa terra do Nadal.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou o bonito desta iniciativa: “É unha oportunidade para que as crianzas poidan vivir con máis intensidade a maxia do Nadal grazas ás novas tecnoloxías. Ademais de fomentar a ilusión propia destas datas, promóvese o uso das TIC dun xeito positivo e innovador”.
Desde o concello de Barreiros agradeceron a colaboración dos centros educativos do municipio por sumarse a esta actividade que converte a tecnoloxía en vehículo para transmitir desexos e ilusións.