A rapazada de Carballo mergúllase este verán na vertente máis creativa das ferramentas dixitais
xoves, 17 de xullo do 2025
Despois da boa acollida que tiveron o ano pasado, o Concello de Carballo duplicou este verán oferta de campamentos dixitais en colaboración coa Fundación Esplai. Co arrinque do mes de xullo comezou na Aula CeMIT o primeiro dos catro campamentos do proxecto CRI-TIC que se desenvolverán ata finais de agosto, e que teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, deron a benvida aos primeiros participantes, e animáronos a aproveitar as vacacións de verán para seguir formándose dun xeito lúdico.
Os grupos teñen un máximo de 12 participantes e están establecidos do seguinte xeito: do 1 ao 10 de xullo, do 14 ao 23 de xullo e do 18 ao 27 de agosto, para nenos/as de 9 a 13 anos, e do 4 ao 13 de agosto, para adolescentes de 14 a 17 anos.
As inscricións deben realizarse a través da plataforma dixital da Aula CeMIT. As persoas que aínda non estean dadas de alta ou teñan dificultades para realizar o trámite poden achegarse ata as oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar) previa cita no 981 709 011.
En todos os casos, o horario do campamento é de 10.00 a 14.00. Ao longo da formación, os/as participantes abordarán os seguintes contidos: uso responsable e consciente da tecnoloxía e as redes sociais, novas falsas (como identificalas), programación e robótica educativa, IA e creatividade dixital, ciberseguridade e prevención do ciberacoso, Realidade Aumentada e Realidade Virtual e actividades lúdicas e lecer saudable.
O obxectivo destas actividades, deseñadas e impartidas pola Fundación Esplai, é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo.
