A rapazada de Mos mergúllase en robótica e competencias dixitais

luns, 5 de agosto do 2024 S. P.

Cativada de 9 a 13 anos está a recibir na Biblioteca Municipal María Magdalena, no concello pontevedrés de Mos, formación en robótica e competencias dixitais durante un campamento estival liderado por Fundación Esplai Galicia. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, visitaron na semana pasada á cativada que está a participar no Curso de competencias dixitais na infancia que se imparte na Biblioteca Pública.
Trátase dunha iniciativa abeirada ao Proxecto CRI-TIC, infancia e mozos con criterio dixital, liderado por Fundación Esplai en Galicia, que ten como obxectivo principal favorecer a adquisición de competencias dixitais, buscando garantir a inclusión tecnolóxica dende a nenez.
Durante a formación os rapaces e rapazas aprenden diversos contidos de competencia dixital e robótica, incluíndo tarefas como o deseño de proxectos a executar con impresora 3D, etc. Mesmo dispoñen dunha destas impresoras na que están a poñer en práctica o aprendido.
As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, informaron de que o curso está dividido en 2 grupos por idades: de 9 a 11 anos e de 12 a 13 anos, con 17 participantes en total que o realizan totalmente de balde. A formación comezou o pasado 23 de xullo e prolongarase ata ao 14 agosto. A rapazada participante recibirán un diploma acreditativo ao finalizar o curso.