A rapazada de Vimianzo e Vilagarcía pechou o programa de videoconferencias con Papá Noel nas aulas CeMIT

martes, 24 de decembro do 2024 S. P.

Dende o 11 de decembro e até o 19 de decembro as aulas da Rede CeMIT dos nosos concellos estiveron a disposición de Papá Noel para realizar comunicacións a distancia coa rapazada galega. Nestas conexións con Laponia participaron un total de 663 os nenos e nenas de educación infantil de 20 concellos. O novo programa de videoconferencias con Laponia, que celebrou este 2024 o seu décimo sétimo aniversario, rematou esta nova edición en Vilagarcía e Vimianzo e foi inaugurada o mércores 11 cos escolares de Educación Infantil do CEIP Xaquín Lorenzo Xocas de Bande.
Nos seguintes días e ata o 19 de decembro conectou con Laponia, en intervalos de media hora, as aulas CeMIT de Abegondo, Bande, O Barco, Barreiros, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, A Fonsagrada, Guitiriz, Leiro, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén tiveron posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día e da Asociación Alume de Guitiriz, así como persoas usuarias da Asociación Pro-Minusválidos Aspromor de Ortigueira.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta busca “converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”.
As citas en Vimianzo e Vilagarcía
Polo que respecta ao encontro online con Vimianzo, participaron os pequenos e pequenas do CEIP Baíñas mantendo unha xuntanza virtual con Papá Noel na Aula CeMIT. O alumnado trasladoulle as súas peticións para que non esqueza nada en Laponia.
En Vilagarcía, o alumnado de 5 anos do Colexio de San Francisco participou o 19 de decembro nunha videoconferencia con Papa Noel no Centro para o Modernización e Inclusión Tecnolóxica, CEMIT, con sede na avenida de Matosinhos.
As nenas e menos puideron falar de xeito individual con habitante máis ilustre de Rovaniemie e pedíronlle agasallos personalizados para a noite da Noiteboa. As solicitudes máis comúns foron pupitres de maiores, coches teledirixidos e ordenadores, sen esquecer algún que outro clásico como as bonecas Barbie e Nancy. Ao final da videoconferencia con Laponia, o alumnado puido cantarlle una panxoliña acompañada de xestos, e Papa Noel bailou con todos.
A posibilidade de interactuar con Papa Noel é unha iniciativa posta en marcha dende hai uns anos pola Xunta en colaboración cos concellos onde existen aulas CEMIT. Deste xeito, ábrese un tempo de inscrición e entre estes sortéanse as prazas. Nesta ocasión, a sorte sorriu ao colexio das franciscanas e o de Arealonga.