A rapazada galega ergueu a voz dende Silleda contra as noticias falsas nas redes
venres, 6 de maio do 2022
Silleda
acolleu este 5 de maio unha importante actividade xuvenil contra as
fake news, a desinformación, o racismo e as agresións a
través das redes. Foi unha xuntanza na que participaron uns cen
alumnos e alumnas de Secundaria de Boiro, Brión, Bueu, Silleda e
Viana do Bolo. Na xeira de traballo tiveron ocasión de crear
micro-vídeos advertindo do impacto negativo que teñen as novas
falsas e a xenofobia en medios convencionais pero sobre todo
dixitais, por ser os máis seguidos polos adolescentes.
Fixérono
nun encontro intercentros ou hackathon incluído no proxecto
EpDLab que, en palabras do director IES Pintor Colmeiro de
Silleda pon o foco no papel do diálogo, da educación e do
xornalismo nun contexto convulso como o actual.
Para
combater esta problemática, elaboraron unha serie de micro-vídeos
nos que se dirixen principalmente ás e aos adolescentes, pero tamén
ás persoas adultas, para advertirlles “que todas e todos podemos
ter actitudes racistas sen nos decatar”; que “debemos contrastar
as informacións que recibimos, especialmente, a través das redes
sociais, porque poden ser falsas”; e que “os bulos e o
discurso do odio vai sempre en contra da xente máis vulnerable”.
A
rapazada participante no hackathon advertiu tamén de “que
coas nosas actitudes podemos facer unha sociedade mellor, evitando o
uso de estereotipos, desmentindo desinformacións e denunciando os
contidos racistas que vemos nas redes”. E engadiron: “A clave
para conseguir un entorno dixital máis diverso, igualitario e
inclusivo é ter máis empatía e reivindicar que todos os seres
humanos debemos ter os mesmos dereitos”.
A
xeira deste xoves en Silleda foi unha xornada intensiva de traballo
creativo conxunto na que participou todo o alumnado vinculado este
curso ao EpdLab, un proxecto de innovación educativa que ven
desenvolvendo a Asociación Galega de Comunicación Social (Agareso)
dende 2015 en centros de toda Galicia e que traballa temáticas como
o sexismo, as migracións, o medio ambiente, o consumo responsable,
a veracidade das mensaxes e as fake news, a cooperación
internacional, o voluntariado e o activismo a través de ferramentas
da comunicación dixital como os memes, os GIF, as técnicas
de stop motion, os microvídeos dende o móbil ou a
contrapublicidade.
EpDLab
é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva
de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El
Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas
TIC para crear e difundir na Rede contidos ao redor da igualdade de
dereitos, da participación responsable e da xustiza social. O
EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso
e financiado por Cooperación Galega.
