A rapazada ten este sábado unha cita coa programación en Ourense: A Hora do Código
venres, 18 de xaneiro do 2019
A
Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense vai
ser tomada este sábado por rapazas e rapaces de idades
comprendidas entre os 6 e os 18 anos, todas e todos coa arela común
de converterse en programadoras e programadores. Estamos
a falar da celebración galega do acontecemento internacional A Hora
do Código, impulsado a nivel mundial pola organización Code.org e,
a nivel galego, pola ESEI de Ourense e o Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A cita será
entre as 9.00 e as 19.30 horas, e haberá unha manchea de obradoiros
creativos e participativos sobre as máis variadas vertentes da
creación tecnolóxica (videoxogos, drons, impresión 3D, Arduino,
programación con Scratch, etc). Por certo que ás 11.50, no salón
de actos da ESEI, haberá unha presentación a cargo do presidente do
CPEIG, Fernando Suárez, e o director da escola, Francisco Rodríguez.
A
finalidade da xornada é achegar dunha forma lúdica e divertida o
mundo da programación ás xeracións máis novas. Ademais, pretende
estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis
pequenos e pequenas tendo en conta que a tecnoloxía está cada día
máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. A
xornada desenvolverase nas aulas do edificio politécnico do campus
de Ourense de 9.00 a 19.30 horas, con prazas dispoñíbeis para
arredor duns 300 rapaces e rapazas que poderán estar acompañados na
aprendizaxe polos seus proxenitores. As actividades desenvolveranse
coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por
docentes especializados nas TIC no ámbito educativo.
Francisco
Rodríguez, tesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia e director da Escola Superior de Enxeñaría
Informática, saliento os días pasados que esta actividade está
deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da
programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan
unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade
evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software
dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que
comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter
todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona”.
Durante
a celebración impartiranse en paralelo diversos obradoiros,
indicados para as distintas idades, sobre iniciación á
programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación
á programación de dispositivos con Arduino, cinema e vídeo en 3D,
impresión en 3D, drons, realidade virtual e Nenoos Tech. Haberá un
obradoiro de iniciación á programación, no que as e os
participantes (de 6 a 10 anos) aprenderán a programar con xogos de
Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen. Tamén haberá
talleres de iniciación á programación con Scratch, para rapazas e
rapaces de 10 e os 18 anos, e de iniciación á programación con
Arduino, destinado ás mesmas idades.
Asemade,
o programa inclúe actividades de cinema e vídeo en 3D (na que
afondarán na creación dun escenario de animación empregando Alice
3.0) e sobre impresión en 3D (na que se amosará como se fan pezas e
se traballa con impresoras deste tipo). Tamén haberá obradoiros
sobre drons e sobre realidade virtual.
As
actividades, que son totalmente gratuítas, desenvolveranse a longo
do día (nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico, Campus de
Ourense). Toda a información sobre o evento e inscrición está
dispoñíbel na web: http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.
Como
lembraremos, a Hora
de Código é un
evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación
e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais
básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os
coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e
pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha
realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en
todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A
Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013,
pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel
internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías
tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e
por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para
quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a
participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os
estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.