A rastrexabilidade de produtos colle impulso dende a UVigo coa introdución de tecnoloxías intelixentes

xoves, 25 de xuño do 2020 S. P.

Seguimos a falar de rastrexabilidade, ou, o que é o mesmo, trazabilidade, que é o concepto no que englobamos as prácticas de facer seguimento dun produto ao longo da súa cadea de valor, co fin de garantir as máximas garantías de orixe e calidade para o os axentes implicados e, por suposto, para o usuario final. As tecnoloxías que permiten afinar ao máximo a rastrexabilidade están a recibir importantes impulsos dende a nosa terra, por exemplo o empuxe acabado de recibir dende a UVigo, onde Mateo Ramos, investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática, desenvolveu un traballo para mellorar estes sistemas e, nas súas palabras, “axudar ás máquinas a entender mellor o mundo en que vivimos”, introducindo un extra de intelixencia neste ámbito de traballo e, polo tanto, de utilidade.
Por exemplo á hora de predicir situacións futuras, estudar o ciclo de vida dun produto ou xerar alertas fronte a situacións de risco, cousas que poden ser gran importancia nos eidos da alimentación ou da medicina.
Que os datos sexan lexíbeis para as máquinas
A partir dunha serie de investigacións anteriores ligadas á rastrexabilidade e a monitoraxe de procesos, na tese doutoral de Mateo Ramos abordouse nunha primeira parte da mesma un dos principais problemas que existen actualmente na aplicación das TIC a este ámbito de traballo: a dispoñibilidade da información para ser empregada por estes algoritmos computerizados, é dicir, lograr representar a información dunha forma que sexa lexíbel para as máquinas e que, polo tanto, resulte útil. “Estamos acostumados a tratar con documentos escritos na linguaxe humana e moitas veces esquécesenos que as máquinas non comprenden a nosa linguaxe”, explica Ramos, ao tempo que subliña a importancia de, como paso previo á aplicación das TIC, “conseguir que as máquinas sexan capaces de capturar o contexto de forma adecuada e entender os detalles do mesmo”.
A proposta que se expón na tese é desenvolver mecanismos que permitan atallar as casuísticas e problemáticas identificadas de modo que se teña en conta que información é a que está dispoñíbel e en que formatos se presenta. “Estes mecanismos deberán, na medida do posíbel, suplir as carencias xeradas polos déficits de información presentes nos contextos analizados”, explica o autor.
Rastrexabilidade difusa
Neste contexto o investigador vigués aposta de cheo pola Trazabilidade Difusa ou Fuzzy Traceability, que é capaz de predicir onde estivo un determinado produto e que axentes externos puideron actuar sobre o mesmo, o “que resulta especialmente útil para realizar análises do ciclo de vida de produtos que, por algún motivo, poidan resultar perigosos”, sinala, poñendo como exemplo o que pode acontecer cun produto alimenticio en mal estado, que pode ser foco de infeccións e, “nestes casos é moi importante coñecer a historia do produto, incluíndo as fases exactas polas que pasou e as diferentes accións que se tomaron sobre el”.
Difusión dos resultados
Dirixida polos profesores Juan M. Santos e Luis M. Álvarez Sabucedo, investigadores ambos de AtlantTIC o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, os resultados desta tese foron xa difundidos en catro comunicacións científicas, estando tamén pendente de revisión na actualidade un quinto artigo por unha revista JCR-Q1 e estando o autor inmerso na redacción de outros dous.

PUBLICIDADE