A realidade aumentada aplicada á cirurxía, eixo dunha investigación da UDC e o CHUAC
xoves, 31 de xullo do 2025
O Hospital Universitario de Coruña (CHUAC) celebrou esta mañá unha sesión experimental encamiñada a avaliar a funcionalidade e usabilidade de sistemas de realidade aumentada en contornas reais de quirófano. Engadir que a investigación, froito da colaboración coa UDC, forma parte da tese doutoral titulada Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía, desenvolvida por Ánxela Pérez no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, baixo a dirección do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) Florian Michaud e de Nieves Pedreira, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña (UDC).
Volvendo ao encontro desta mañá, dicir que participou o Dr. Pablo Codesido, médico adxunto do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e doutros profesionais do CHUAC que colaboran neste proxecto para avaliar o comportamento das lentes intelixentes e os seus diferentes xeitos de interacción (xestos, ollar, voz, inclinación da cabeza ou combinación destes). A finalidade é identificar as formas de control que resulten máis rápidas, ergonómicas e seguras nunha contorna cirúrxica onde a concentración e a precisión son críticas.
Engadir que esta actividade continúa o traballo experimental comezado o pasado 9 de xullo na Área Sanitaria de Ferrol, onde tamén participaron especialistas do eido cirúrxico en colaboración coa Dra. Laura Ameneiro. A diferenza doutras aproximacións máis teóricas, este proxecto céntrase en validar a tecnoloxía no seu contexto real, incorporando a experiencia directa dos profesionais para adaptar as interfaces ás necesidades do quirófano.
“A realidade aumentada ten un gran potencial para revolucionar a cirurxía moderna, pero o seu éxito dependerá de deseñar interfaces que permitan unha interacción natural, rápida e eficiente. A participación dos profesionais sanitarios é fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas”, explican desde o CITENI.
Que é a realidade aumentada? Estamos perante unha tecnoloxía que combina o mundo real con elementos virtuais en tempo real que permite superpoñer información dixital (imaxes, gráficos ou datos anatómicos) directamente sobre o campo de visión do cirurxián, sen perder contacto coa contorna física. Ao contrario da realidade virtual, que illa ao usuario, a realidade aumentada enriquece o ámbito real e está a aplicarse con éxito crecente en procedementos complexos como: artroplastia total de xeonllo (as lentes de realidade aumentada A funcionan como sistemas de navegación cirúrxica, guiando con maior precisión o corte óseo sen depender de pantallas externas); cirurxía de columna (permiten trazar a traxectoria óptima para a inserción de parafusos pediculares, evitando estruturas sensibles e mellorando a exactitude na colocación); neurocirurxía (superpoñen imaxes do escáner cerebral sobre o cranio do paciente, facilitando o acceso con mínima invasión de tecido); cirurxía hepática ou oncolóxica (posibilitan localizar con precisión masas tumorais ou vasos importantes sen deter a intervención para consultar imaxes externas).
Asemade, estes sistemas non só achegan datos en tempo real, senón que se adaptan dinamicamente aos movementos do cirurxián e do doente, proporcionando unha asistencia visual contextualizada ao longo de toda a intervención.
Por último, sinalar que esta iniciativa forma parte dunha aposta estratéxica por achegar a innovación tecnolóxica á práctica clínica real. A colaboración entre profesionais sanitarios e persoal investigador busca garantir que as ferramentas de realidade aumentada sexan útiles, seguras e integrables no día a día do quirófano, co obxectivo de dar resposta ás necesidades reais dos equipos cirúrxicos. A investigación, desenvolvida polo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI, supón un paso firme cara a unha cirurxía máis precisa, asistida e humanizada.
