A realidade virtual permítenos dar paseos baixo o mar das nosas Illas Atlánticas

luns, 7 de xullo do 2025 Redacción

A Xunta colabora un ano máis nunha experiencia interactiva que permitirá aos visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia gozar este verán de paseos virtuais baixo o mar a través da realidade virtual. Deste xeito, poderán coñecer en detalle a fauna e a flora que habitan os fondos mariños deste espazo natural.
As actividades comezaron esta semana na illa de Ons, pero terán lugar en diferentes datas de xullo e agosto nos catro arquipélagos que conforman o parque nacional. En concreto, a experiencia O mar en 360º poderá vivirse con pases programados para o sábado pola mañá e o domingo pola tarde en Ons, os días 16 e 17; en Sálvora, o 23 e 24 de xullo; e en Cíes, o 30 e 31 de xullo e tamén o 5, 6 e 7 de agosto.
Trátase do segundo ano que se ofrece esta proposta ao público (tras a súa estrea en 2023), cun carácter totalmente gratuíto, aínda que é preciso inscribirse presencialmente o mesmo día da visita na illa correspondente.
Durante a actividade, as persoas participantes disporán de gafas de realidade virtual que lles permitirán vivir unha experiencia inmersiva no medio submarino sen necesidade de mergullarse.
O paseo contará tamén co acompañamento dunha especialista que explicará en tempo real as imaxes proxectadas e achegará datos sobre a biodiversidade, riqueza e características dos fondos mariños das Illas Atlánticas, así como sobre a importancia da súa conservación. Ademais, a actividade incluirá unha exposición de fotografías e infografías sobre o medio mariño.
As visitas virtuais faranse posibles grazas ao uso de ROV (vehículos somerxibles operados remotamente) que transmiten en tempo real as imaxes captadas durante o seu percorrido, permitindo así un achegamento desde terra firme e dunha maneira pouco invasiva aos fondos e á biodiversidade mariña das Illas Atlánticas.
A iniciativa, que este ano foi unha das seleccionadas nas axudas da Xunta para actividades na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional financiadas con fondos Next Generation, está impulsada pola cooperativa galega 13 Grados, especializada en educación ambiental para a divulgación do medio mariño e encargada de coordinar a actividade.