A reantenización que favorecerá o despregamento do 5G contará con 150 millóns de euros en axudas directas

venres, 21 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O Consello de Ministros aprobou hoxe dous reais decretos para facilitar o desenvolvemento das redes 5G en España. O primeiro real decreto supón a aprobación do Plan Técnico Nacional da TDT e regula a liberación do segundo dividendo dixital, mentres que o segundo regula a concesión directa de subvencións destinadas a compensar os custos derivados da adaptación das antenas colectivas para a recepción televisiva.
O chamado segundo dividendo dixital é un proceso que mediante a liberación da banda de 694-700 MHz (parcialmente ocupada pola TDT) facilitarase o despregamento de redes 5G, sendo esta frecuencia de uso común en todo o territorio comunitario e ofrecendo unha boa cobertura en interiores para as futuras comunicacións móbiles, estando prevista a liberación destas frecuencias antes do 30 de xuño de 2020 segundo un calendario establecido pola Unión Europea hai un ano. O Goberno convocará unha licitación pública para asignar esa banda aos operadores de xeito que poida estar dispoñible para ofrecer servizos 5G antes do 30 de xuño de 2020.
Por outra banda, o novo Plan Técnico Nacional da TDT mantén sen cambios a actual oferta de canles de TDT, con cada múltiple dixital con capacidade para integrar até 4 canles de televisión en alta definición, e establece o procedemento técnico para o transvasamento de canles e as condicións para a súa continuidade, incluíndo tamén as especificacións técnicas para as emisións de TDT en HD e UHD.
O novo Plan recolle como data límite para a evolución á alta definición de todas as canles televisivas o 1 de xaneiro de 2023 e, para que o mercado da electrónica de consumo estes preparado, transcorrido un prazo de 9 meses dende a entrada en vigor do real decreto será obrigatorio que os receptores de TDT sexan compatibles con sinais DVB-T2 (ou sexa, con soporte de alta definición), mentres que os televisores de grande tamaño deberán ser compatibles con emisións en UHD e incorporar capacidade de conexión á Rede e servizos interactivos HbbTV.
Ao igual que en 2015 realizouse a liberación da banda de 800 MHz, coa banda de 700 MHz haberá axudas para a adaptación das antenas colectivas (no caso das vivendas individuais o habitual é que só sexa preciso resintonizar os televisores para adaptarse á nova configuración de frecuencias) que estarán entre os 104,3 e os 677,95 euros en función da infraestrutura previamente instalada, para o que o Goberno asigna unha partida de 150 millóns de euros.

PUBLICIDADE