A rede CeMIT formará sobre o uso seguro dos móbiles

luns, 27 de abril do 2026 Redacción

A AMTEGA iniciou unha nova edición das accións formativas da rede CeMIT centradas na ciberseguridade, que nesta ocasión poñen o foco no uso seguro do teléfono móbil. Os cursos estanse a impartir en 22 concellos galegos.
A formación busca reforzar a seguridade e a confianza dos usuarios no emprego diario do móbil. Cun enfoque práctico e accesible, ofreceranse pautas sinxelas para protexer o dispositivo e a información persoal, detectar situacións de risco e evitar posibles fraudes dixitais. Preténdese promover un uso responsable da tecnoloxía, reducir a exposición a ameazas e mellorar a autonomía dixital dos participantes.
Entre os obxectivos inclúese coñecer os principais riscos asociados ao uso do móbil, aprender a protexer o dispositivo mediante unha configuración axeitada, descargar e empregar aplicacións con garantías, identificar os fraudes máis frecuentes e saber como actuar ante incidencias de seguridade ou a perda do terminal.
As sesións terán unha duración aproximada de hora e media e abordarán aspectos clave como a seguridade nos dispositivos conectados, a xestión de aplicacións e permisos e as principais ameazas dixitais.