A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra organiza máis de 30 obradoiros en outubro

mércores, 11 de outubro do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra presentou os días pasados o seu programa de actividades formativas TIC (máis de trinta obradoiros en total) ao abeiro da rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. Segundo puidemos saber, a área de Vigo (sedes de Vigo, Ponteareas e Porriño) están a achegar estas semanas un total de 17 obradoiros. Haberá achegamentos a Facebook, a metodoloxías para visualizarnos nos buscadores ou a creación de páxinas web.
As quendas para o mes de outubro na oficina de Vigo (número 3 da rúa Oporto) son as seguintes: Mostrario virtual: a fotografía e o produto no medio en liña o martes 10 outubro. A seguinte semana, o xoves 19, desenvolverase Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas (na sede de AJE Vigo). Por último, o martes 24 de outubro, o obradoiro A túa páxina web en menos de 90 minutos e o martes 31, Como facturar electronicamente.
Pola súa banda, a oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Imos chamar á porta da túa clientela: posicionamento SEO o luns 9. O martes 17 de outubro será a quenda de Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais e o venres 20 de Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google. Xa para rematar, o luns 23 de outubro terá lugar Ferramentas de google para a promoción de negocios locais e o xoves 26 A túa páxina web en menos de 90 minutos.
As dependencias do Porriño acollerán os seguintes obradoiros: O martes 10 de outubro desenvolverase o obradoiro Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl e a seguinte semana, o luns 16 Linkedin: a túa rede de networking. O mércores 18 de outubro terá lugar o obradoiro Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais e a última quenda do mes será o luns 30 de outubro con Xestiona o teu negocio desde o móbil.
En Lalín, os obradoiros serán: Sácalle partido a túa conta de Gmail, que celebrarase o vindeiro martes 10 de outubro. Logo, o martes 17 organizarase o obradoiro Facebook Ads. Esa mesma semana, o xoves 19, Lalín tamén acollerá Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas. Por último, neste mes de outubro, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será o lugar onde terá lugar o obradoiro Fotografía e vídeo para establecementos de turismo, o día 23, e Linkedin: a túa rede de networking, o día 25.
Para Cambados, a actividade é a que detallamos de seguido: o xoves 5 de outubro co obradoiro Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial e o mércores 11 impartirase o obradoiro Fotografía e vídeo para espazos interiores. O seguinte será unha semana despois, cando terá lugar o mércores día 18, Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións, ao que lle seguirá o seguinte mércores, día 25 Comercializa os teus servizos a través das redes sociais. Por último, o venres 27 de outubro, desenvolverase o obradoiro Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite.
Polo que se refire a Pontevedra, as quendas para o mes de outubro comezaron o mércores 4 de outubro co obradoiro Xestión da túa empresa: facturación e ferramentas integradas e segue cos seguintes cursos: o martes 10, o obradoiro Ferramentas de google para a promoción de negocios locais (nas instalacións de AJE Pontevedra), o martes día 17 Linkedin: a túa rede de networking, ao que lle seguirá o xoves 19 Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite. Por último, o martes 24 de setembro, desenvolverase o obradoiro Fotografía e vídeo para espazos interiores e o xoves 26 A túa páxina web con Wordpress.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE