A rede galega de polos de emprendemento e apoio ao emprego acadará este ano os 15 centros

xoves, 17 de agosto do 2023 S. P.

A Xunta fixo balance da actividade xerada pola súa rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Segundo informou, a rede leva asesorado case medio milleiro de proxectos. A día de hoxe, conta con oito centros activos en Galicia que se converterán en quince ao final deste ano. En total, arredor de 500 persoas emprendedoras (o 60% delas mulleres) teñen recibido preto de 1.500 titorías para sacar adiante as súas iniciativas, entre as que destacan as relacionadas co comercio, coa hostalaría ou coa agricultura, a gandaría e a pesca. Tamén salientan por achegar formación transformadora (tecnolóxica).
Por provincias, A Coruña supera os 200 proxectos atendidos, entre os que salientan os referidos ao comercio e á agricultura, seguidos dos educativos ou relacionados con actividades sanitarias e de servizos sociais. En Lugo, superan o cento de iniciativas, de sectores como a hostalaría, o comercio ou as actividades artísticas e de entretemento.
Mentres, en Pontevedra aproxímanse ao cento de proxectos, relativos ao comercio ou á agricultura e gandaría. Por último, en Ourense achéganse tamén ás cen iniciativas, principalmente destinadas á hostalaría, ao comercio ou ás actividades artísticas e recreativas.
A rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego é unha iniciativa para “dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación”. Fornece de asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Nese senso, dos case 500 proxectos asesorados, máis de 400 atópanse activos nestes momentos.
Actualmente, están operativos oito polos: Costa da Morte, Rías Altas e Arco Ártabro, A Mariña, Montaña Lucense, Lugo Sur, Pontevedra Norte e Rías Baixas, Miño Central e Ourense Centro e Sur. O obxectivo é “convertelos en verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, erixíndoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado”.