A rede internacional Impact Hub aterra na Coruña
mércores, 13 de decembro do 2023
Impact
Hub presentou na tarde deste mércores 13 de decembro o seu proxecto
na súa sede, un lugar na rampla do Matadoiro (A Coruña) intervido
para a co-creación e o fornecemento de proxectos innovadores,
sustentábeis, socialmente responsábeis e de impacto positivo.
O
evento reuniu a diferentes grupos de interese entre os que se inclúen
administracións públicas, fundacións, cooperativas, asociacións,
startups, emprendedores sociais, corporacións e sociedade en
xeral co fin de xerar unha comunidade que sirva como “caldo de
cultivo dos proxectos cun fin social e ambiental que pretenden
transformar ás empresas cara a unha nova economía”, explicaron os
responsábeis do novo centro.
O
evento incluíu unha mesa redonda sobre os retos de impacto positivo
que tanto Galicia como A Coruña afrontan. A mesa, liderada pola nena
de 12 anos Carmen González, contou coa participación de Margarita
Ardao Rodríguez, directora xeral de Emprendemento da Xunta de
Galicia, Yoya Neira Fernández, concelleira de Benestar Social,
Manuel Rego, director executivo de Down Coruña e socio director de
WiT Talento, e Óscar Vales, Fundador de VAZVA, Wasted Shoes.
Con
esta iniciativa local, A Coruña confírmase como a sexta cidade do
ámbito estatal que logra instaurar un proxecto
Impact Hub no seu seo. A rede está composta por 110 hubs
con presenza en 65 países.
Segundo
explicou o equipo fundador do proxecto coruñés, Impact Hub chega á
cidade herculina coa “misión de axudar a persoas emprendedoras,
institucións e empresas a acelerar o cambio económico, social e
ambiental cara unha economía de impacto e rexenerativa”. O equipo
tamén salienta o potencial da nosa terra para este tipo de
iniciativas: “Galicia conta cun forte potencial de impacto
positivo polas súas grandes empresas tractoras, o seu sólido
ecosistema de emprendemento, os seus recursos naturais e a súa su
consolidación como polo tecnolóxico a nivel estatal”.
O
proxecto está impulsado por cinco persoas vinculadas ao impacto
desde diferentes ámbitos: Carmen Touza (directora da Fundación
ENKI, especializada en impacto social e inclusión), María
JesúsTrasancos (vicepresidenta de Fundación ENKI), Javier López
(empresario coruñés, investidor e impulsor de diversas fundacións
vencelladas ao emprendemento e inserción social), Carlos Álvarez
(emprendedor especializado en publicidade, comunicación e
aceleración de transformación de marcas), e Judit Cabana
(emprendedora especializada en estratexia de negocio e
mercadotecnia).
Impact
Hub A Coruña contará nos próximos meses tamén cunha sede física
destinada a integrar proxectos de impacto e conectalos coa cidade.