A rede social Yoopies xa conta con 1.415 coidadoras da nosa terra

venres, 6 de setembro do 2013 Redacción

A Rede ten resposta para todo, mesmo para aquelas nais e pais que precisen dunha terceira persoa que coide dos seus fillos. En certa maneira, era lóxico que na Rede houbese un servizo desta índole (a Internet crea comunidade e dá respostas), como tamén é natural que nestes tempos que corren, co paro polas nubes, medrase a cifra de persoas que ofrecen a súa dispoñibilidade no servizo. Falamos da rede social Yoopies, un acubillo de internautas de moi diversas capacidades e formacións (canguros, coidadoras-mestras, aias con vehículo propio, persoal de atención con coñecementos de primeiros auxilios, etc) pero todos unidos baixo un nexo común: o de brindar labores de atención a menores. Dende El Correo Gallego, da man de Xabier Sanmartín, veñen de chegar datos sobre a oferta galega: 1.415 canguros (66 só en Santiago).
Lembrar que estamos ante unha rede de balde (tanto para quen coida como para quen require coidadoras/es), baseada en Facebook (precísase perfil), e con precedentes de éxito en países como Francia, onde segundo explicou ao xornal compostelán Antonio J. Pérez, responsábel de Yoopies España, impúxose a toda a competencia existente. O servizo a nivel español xa leva máis dun ano en activo, pero acadou pulo de xeito firme a partir de outono. A nivel de metodoloxías, bótase man da xeolocalización de perfís, o que facilita que se atope a persoa que máis conveña preto do domicilio familiar. Ademais, tódolos canguros dispoñíbeis son recomendados por outros pais, o que deixa tranquilos aos usuarios deste servizo. Estes (as nais e os pais) poden rexistrarse gratuitamente no servizo e pendurar un anuncio onde dean conta das súas demandas e do tipo de persoa que precisan, tendo acceso ás valoracións doutros usuarios e crear comunidade e diálogo.

PUBLICIDADE