A rede social coruñesa Siguetuliga pecha unha nova rolda de medio millón de euros

venres, 8 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A nova firma coruñesa Siguetuliga pechou os días pasados unha nova rolda de financiamento de medio millón de euros, grazas ao apoio de sobranceiros representantes do sector empresarial e máis do deporte, como por exemplo o futbolista brasileiro Filipe Luís, un dos investidores destacados.
Como lembraremos, Siguetuliga dá nome a unha plataforma social de deportes que se centra nas competicións de base, as máis próximas á cidadanía, e que se caracteriza polo importante elemento de autoxestión que pon en xogo: somos nós mesmos, como usuarios, os que creamos e administramos o contido mediante un sistema de votación baseado no rango de cada persoa membro (a propia comunidade permite unha publicación fiábel e rápida dos datos).
A nova rolda pechada por Siguetuliga representa unha ampliación de capital que responde, en palabras dos responsábeis da empresa, “ao intenso traballo desenvolvido durante os últimos anos, nos que acadamos un gran crecemento e continuamos coa nosa traxectoria ascendente”.
Segundo engaden, a rede social Siguetuliga está a día de hoxe formada por máis de tres millóns de usuarios que publican resultados, aliñacións, goles e calendarios. Agora, “tras afianzarnos como referentes no sector nacional”, explican, “decidimos dar un paso adiante e centrar os esforzos na creación de ferramentas de xestión para axudar a clubs deportivos”. Nesta liña sitúase o contacto establecido con milleiros de clubs para atopar a maneira de dar solucións aos seus problemas, baixo o lema Impulsamos clubs deportivos.
A partir do devandito, naceu a plataforma Cluber (www.cluber.es), dende a cal os clubs poden “xerar máis ingresos, optimizar a súa comunicación e automatizar procesos administrativos”, segundo conta Diego López, director executivo (CEO) de Siguetuliga, engadindo que a dita plataforma parte dunha premisa clara: “Aplicar a tecnoloxía para mellorar a xestión dos clubs deportivos”. Nun plano máis concreto, López explica que na actualidade xa hai centos de entidades de distintos deportes desfrutando das vantaxes das ferramentas de Cluber, unhas cifras moi positivas que permitiron á empresa seguir medrando e pechar a nova rolda de inversión, tras a anterior, realizada no ano 2017, da que falamos polo miúdo en Código Cero.
Para esta nova rolda, Siguetuliga incorporou a varios "socios estratéxicos". Por unha banda, conta co apoio e confianza de emprendedores coma os fundadores de BeOne (Serviocio), Jim Sports (Softee), 60dias, SheetGo, Ducksboard, Docuten, Asubío Media, Ipglobal o Grupo Viko (Elogia Media).
Ademais, involucráronse no proxecto os futbolistas profesionais Manu Barreiro, do Club Deportivo Lugo; Pablo Insua, da Sociedad Deportiva Huesca, e o internacional brasileiro Filipe Luís, actualmente xogador do Flamengo, antes no Atlético de Madrid.
A empresa galega presentará oficialmente a súa plataforma este Nadal, en data aínda por confirmar, cun evento en A Coruña onde estarán presentes o propio Filipe Luís e outros inversores da empresa.

PUBLICIDADE