A relación entre a táboa periódica e o Youtube desvelarase este xoves no CCG

mércores, 13 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Este 14 de marzo temos en Santiago unha cita coa ciencia e as novas tecnoloxías e as súas ligazóns pasadas, presentes e vindeiras coa nosa terra. Estamos a falar da xornada O ano internacional do sistema periódico: reflexións dende Galicia, que se celebra no Consello da Cultura Galega, que vén da man dos investigadores Manuel Bermejo, Ana González e Marcelino Maneiro e que inclúe, entre outras cousas, o que sen dúbida vai ser para a nosa historia científica vindeira un fito para lembrar: a presentación da táboa periódica en galego. Amais, tratarase de responder a esta pregunta: cal é a relación da táboa periódica con Youtube?
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, vai inaugurar esta cita xunto con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A xornada retransmitirase en directo dende a web do CCG.
“A intención desta xornada é facer unha reflexión desde Galicia dun feito tan importante para a sociedade como foi a publicación hai 150 anos da táboa periódica por Dimitri Mendeleev” explica Manuel Bermejo, un dos coordinadores deste encontro, que engade que aquel acontecemento supuxo “que por primeira vez se ordenasen os 63 elementos químicos que eran coñecidos e permitiulle a Mendeleev decatarse que a táboa era periódica, é dicir, que estaban colocados de tal xeito que tiñan periodicidade no seu comportamento e nas súas propiedades”.
Segundo explican os impulsores da xornada, esta terá “un marcado carácter divulgativo”, ao servizo de dar a coñecer a relevancia e a utilidade da táboa periódica a través de perspectivas e enfoques pouco explorados. Isabel Pintos falará da música dos elementos químicos, Ánxel Gómez e Xosé Vázquez expoñerán como está explicada e difundida en Youtube e María Xosé Romero fará o mesmo pero desde unha perspectiva de xénero. Pola súa parte, o divulgador científico Manuel Vicente dará conta de como divulgar o sistema periódico hoxe en día. Amais, Marcelino Maneiro fará un percorrido polas incorporacións de catro elementos á táboa en decembro do ano pasado, mentres que Sergio Casas centrarase no mercurio, “un elemento con moitas facianas”. Sobre a necesidade de adaptación da táboa para a aula ou a súa utilidade haberá dous relatorios. Un de Ana González titulado As predicións de Mendeleev no sistema periódico e a súa utilidade na aula hoxe e outro de Manuel Bermejo que se chama O sistema periódico na didáctica dunha aula de química.
Esa reflexión desde Galicia inclúe tamén botar a vista atrás e Ramón Cid Manzano analizará a clasificación dos elementos no ensino da química en Galicia no século XIX. O programa comeza co relatorio de Xabier Cid Vidal que exporá a nucleosíntense dos elementos químicos do sistema periódico.
A presentación da táboa periódica en galego
No marco da xornada, ás 12:00 horas, presentarase a tradución ao galego da táboa periódica e o libro Guía dos elementos químicos de Ana González Noya, Manolo Bermejo e Marcelino Maneiro. Estarán presentes Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Da táboa periódica en galego editáronse 13.000 exemplares que están en diferentes formatos (1.000 pósters, 2.000 A4 e 10.000 A5) e difundiranse entre centros educativos e sociedades de ámbito científico.

PUBLICIDADE