A relación entre educación e TIC acadou certa relevancia no TEDxGalicia 2015

luns, 21 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O pasado sábado a Cidade da Cultura converteuse no marco da edición de 2015 de TEDxGalicia, encontro que serve para acoller unha serie de relatorios de formato curto que logo publícanse en YouTube para facilitar compartir o coñecemento que transmiten os seus speakers, e que nesta ocasión repartiuse en dúas sesións: unha máis informal e íntima coñecida como TEDxGaliciaU durante a mañá, e as tradicional e formal sesión de tarde; animando o espazo entre ambas sesións no só cun descanso para xantar, senón tamén cunha sesión vermú na que o grupo De Vacas deu un pequeno concerto.
A sesión matinal repartiu as charlas en 2 quendas de intervencións, nas que podemos destacar como contidos máis tecnolóxicos a exposición de Andrea Comesaña sobre a revolución que están a supor para a educación as tecnoloxías de aprendizaxe en liña coma os MOOC; mentres que o físico José Rodríguez fixo unha introdución a elementos da domótica, a Internet das Cousas e a xestión da enerxía, que é de agardar que teñan unha profunda implantación nas nosas vidas nos vindeiros anos; e Teresa Egerique amosou a súa visión sobre a tecnoloxía, a comunicación e a infancia.
Durante a tarde desenvolveuse a parte central de TEDxGalicia, cunha grande diversidade de relatorios, entre os que cómpre salientar o de Alba Alonso, quen argumentou os motivos que a levaron a crear o seu proxecto en liña Realkiddys (espazo web que propón un movemento que defenda unha infancia real e libre). Aínda que máis enriquecedora foi a charla de Manel Rives, que compartiu a súa experiencia na aplicación da tecnoloxía no ámbito educativo, o que multiplica os recursos dispoñibles para que os rapaces poidan aprender e desenvolver as súas competencias dun xeito acorde ao mundo que os rodea, orientando a súa formación ao futuro e non ao pasado (como as fórmulas educativas tradicionais).
Tamén se abordaron temáticas como as fórmulas para facer que disciplinas como o Dereito poidan resultar atractivas de explicar, a reivindicación do traballo dos radiólogos e incluso a revolución empresarial que está a levar a estruturas cada vez máis planas e a unha maior realización persoal. Todo isto amenizado co humor de Vicente de Souza e a música de De Vacas e Escuchando Elefantes, de xeito que estivemos ante unha das edicións de TEDxGalicia máis completas até o momento, constatando que este tipo de encontros aínda teñen marxe de mellora e demostrando tamén que son grandes catalizadores de moitas outras actividades que parten das sinerxías propias de xuntar a un público con inquedanzas comúns cada ano.

JPEG - 180.8 KB
Un numeroso e fiel público acudiu o pasado sábado á celebración dunha nova edición de TEDxGalicia

PUBLICIDADE