A relación entre persoas, empresas e Intelixencia Artificial centra un novo ciclo de conferencias de Afundación

mércores, 30 de novembro do 2022 S. P.

Afundación presentou os detalles do seu novo ciclo de conferencias na Coruña, un programa de actividades que porá o foco na relación entre as persoas, as empresas e os puxantes sistemas novos da Intelixencia Artificial. As conferencias, organizadas por Afundación e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) ao longo dos meses de decembro e xaneiro, arrincan este xoves 1 de decembro ás 19:00. Encádranse na programación da mostra More than Human, creada polo Barbican Centre de Londres e que ficará na Coruña até o día 5 de febreiro.

As sesións poderán ser seguidas de forma presencial e tamén en modo en liña a través de AfundaciónTV. O ciclo reúne cinco importantes voces no panorama español e europeo da Intelixencia Artificial. Trátase Nicolás Sánchez; a economista especializada no impacto social da tecnoloxía e asesora da Comisión Europea e a OCDE, Lucía Velasco; o socio-director de Big Data & Advanced Analytics na delegación española da consultora global SDG Group, Antonio Torrado; o mestrado en Intelixencia Artificial de Harvard, investigador do MIT e actualmente directivo de Hess Corporation, David Castiñeira; e a experta en robótica e control de sistemas Concha Monje, tamén directora do Center for Aeronautical Training and Services (CATS), da Universidade Carlos III de Madrid.

Nicolás Sánchez

A primeira das conferencias, A IA, unha solución para pequenas e grandes empresas, a cargo de Nicolás Sánchez, será como dixemos este xoves 1 de decembro ás 19:00 na Sede Afundación A Coruña, na súa modalidade presencial. Nicolás Sánchez incidirá nas posibilidades de aplicación de ferramentas de Intelixencia Artificial (IA), en todo tipo de empresas e organizacións con independencia do seu tamaño. Sánchez dialogará co público sobre as posíbeis vías de adopción, e as diferentes solucións xa existentes en materia de IA e que están case ao alcance de calquera compañía.

O día 16 de decembro, tamén ás 19:00, a economista especializada no impacto social da tecnoloxía e asesora da Comisión Europea e a OCDE, Lucía Velasco, exporá Como superar o medo aos algoritmos, analizando a relación que xa temos cos algoritmos, ou temas candentes como a convivencia laboral con robots ou a ansiedade tecnolóxica.

David Castiñeira

O 27 de decembro, David Castiñeira abordará cuestións relativas á IA e outras tecnoloxías emerxentes, unha materia na que se especializou ao longo da súa traxectoria académica. Con máis de 15 anos de experiencia en EEUU dirixindo diferentes equipos de I+D+i en multinacionais. O seu principal desenvolvemento profesional está dirixido á aplicación da Intelixencia Artificial e a automatización de procesos a problemas reais de enxeñería e finanzas, dirixindo tamén proxectos tecnolóxicos no eido da computación cuántica e análise de datos masivos.

O experto en análise da información a gran escala, Antonio Torrado, socio director de Big Data & Advanced Analytics na delegación española da consultora global SDG Group, conducirá o público nunha viaxe Cara á IA sen medo. Fundamentos para unha IA humana e admisíbel, o 10 de xaneiro ás 19:00.

Concha Monje

Pola súa banda, a experta en robótica e control de sistemas e directora do Center for Aeronautical Training and Services (CATS), da Universidade Carlos III de Madrid, Concha Monje, clausurará o ciclo coa súa conferencia Retos para a convivencia humano robot. Nesta charla abórdanse os principais retos da robótica e as súas principais influencias no mundo actual e futuro. Falarase de robótica humanoide, social e asistencial, e do seu impacto nos sectores máis importantes da sociedade. E todo iso cun denominador común: a investigación desenvolvida polo grupo de investigación RoboticsLab da Universidade Carlos III de Madrid.

Esta actividade enmárcase na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos e que pretende contribuír con produtos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. As persoas que asistan ás conferencias poderán colaborar facendo doazóns de produtos non perecedoiros.

Antonio Torrado conducirá o público nunha viaxe Cara á IA sen medo

PUBLICIDADE