A revista Edge outorga a Halo 3 o Premio á Innovación Interactiva

martes, 12 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A prestixiosa revista de videoxogos británica Edge durante o Festival Interactivo de Edinburgo deu a coñecer a listaxe de nomeados aos seus premios anuais, desvelando o título gañador á Innovación Interactiva que non é outro que o Halo 3 de Bungie, que supera así a títulos coma Wii Fit, Portal, Grand Theft Auto IV, Rock Band ou Super Mario Galaxy, o que resulta unha elección bastante polémica pois, aínda que non hai ningunha dúbida sobre a calidade de Halo 3, destacalo coma xogo innovador non parece ser o máis atinado.
Dende Edge consideran que a integración e a coherencia do contido en liña de Halo 3 é excelente, así coma os pasos entre os modos Theater e Forge do xogo, polo que este título debería servir de exemplo para futuros xogos en rede, destacando que construíron toda unha comunidade ao redor deste xogo que permanece activa incluso cando a Xbox 360 está apagada.

PUBLICIDADE