A revista MicroHobby completa a súa resurrección

luns, 21 de xullo do 2025 Marcus Fernández

33 anos despois da despedida nos quioscos da revista MicroHobby, boa parte do seu equipo xuntouse de novo para resucitala, como unha publicación que carece de canles de distribución tradicionais para aforrar custos, pero que está xa dispoñible para tanto en papel como en formato dixital, aínda que as tiraxes son bastante reducidas.
O primeiro número desta nova etapa mantén a numeración orixinal, de xeito que a xeira comeza no número 218, que a semana pasada iniciou os seus envíos aos que adquiriron copias, polo que hoxe xa se considera distribuída case na súa totalidade en papel e por fin dispoñible en dixital, dando por cumprido o que para moitos nostálxicos era todo un soño.
Aínda que en dixital poderemos adquirir os números desta publicación con normalidade, en formato físico as tiraxes serán reducidas, polo que os interesados farían ben en subscribirse se non queren deixar pasar ningún exemplar. No caso deste primeiro número, a primeira edición considérase esgotada, aínda que é posible que se realice unha pequena tiraxe adicional, para despistados e para os que queiran facer un achegamento á publicación nos eventos retro que se celebren nos vindeiros meses.
Aínda que a MicroHobby era unha revista exclusiva do ZX Spectrum, para chegar a un público máis amplo decidiron que se abrise tamén a Amstrad CPC, Commodore 64 e MSX, pero mantendo a liña estética da revista orixinal.
A nova revista recolle nesta primeira entrega contidos do máis variado, como unha sección de novas moi completa na que dan conta de novos lanzamentos para os clásicos ordenadores de 8 bits (que en moitos casos incluso poden adquirirse en casete), artigos lembrando a historia de MicroHobby, unha reportaxe explicando como solucionar os principais problemas de hardware que pode dar un vello ordenador de 8 bits para mantelo vivo, unha guía de programación coleccionable nas páxinas centrais, o código en BASIC dun pequeno xogo para ZX Spectrum, unha entrevista ao creador do videoxogo Phantis, recensións de diferentes xogos (clásicos e modernos) e incluso a recuperación da sección El Viejo Archivero de Andrés Samudio.
Unha publicación chamada a converterse nunha peza de colección para os que viviron a idade de ouro das revistas de informática e videoxogos (non esquezamos que a propia MicroHobby chegou a publicarse semanalmente durante preto de 3 anos).