A revista MicroHobby volve tras 33 anos

xoves, 29 de maio do 2025 Marcus Fernández

En 1984 a editorial HobbyPress soubo atopar un nicho de mercado no emerxente mundo dos ordenadores persoais de 8 bits creando a revista MicroHobby, que grazas ao pulo do sector tiña un ritmo de publicación frenético, comezando como revista semanal, aínda que tras 160 números reducir a periodicidade a quincenal para pasar a ser mensual na súa última etapa.
Aínda que nos primeiros tempos na publicación incluíase código que podía teclear o lector para gozar de pequenos programas e xogos, máis adiante chegou a incluír coa revista unha casete que habitualmente incluía xogos completos e versións de demostración.
Nun momento non que non había acceso á Internet para informarse, a MicroHobby foi a porta de entrada á informática doméstica para toda unha xeración, de aí que a publicación se lembre con nostalxia, o que levou a parte do seu equipo orixinal, xunto con outros entusiastas da informática clásica a xuntar forzas para revivir a revista.
O novo proxecto está encabezado por José Luis Sanz (quen actualmente tamén leva a revista Hecho con Pixels) xunto con Juan Carlos García, aos que acompañarán puntualmente outros colaboradores históricos como José Emilio Barbero, Pedro J. Rodríguez, Gabriel Nieto, Amalio Gómez, Ángel Andrés, Marcos García e outros.
O enfoque da nova MicroHobby será diferente, adaptándose aos novos tempos, de xeito que non se limitará ao mundo do ZX Spectrum, senón que tamén incluirá información relativa ao Amstrad CPC, o Commodore 64 e o MSX, podendo incluso abrirse no futuro ao Commodore Amiga e ao Atari ST. Busca así converterse en todo un refuxio para os amantes da informática clásica, que queiran tanto repasar o pasado como coñecer o estado actual da escena ao redor destas plataformas (que seguen a recibir xogos constantemente grazas ao traballo de moitos entusiastas).
Para as portadas, en vez das ilustracións do desaparecido José María Ponce, a revista contará con cubertas debuxadas por Jesús Martínez del Vas, moi popular tanto polas súas ilustracións e creacións de banda deseñada, como polo seu traballo como divulgador sobre a informática doméstica dos anos 80.
A nova MicroHobby retomará a numeración anterior, de xeito que o seu primeiro número será o 218, terá un formato case idéntico ao da publicación orixinal, contará con 84 páxinas e a súa periodicidade aínda está por definir (probablemente será trimestral). O que por fin se coñece e a data de lanzamento do seu primeiro número, que será o 14 de xullo, abríndose os pedidos o 23 de xuño. Os exemplares poderanse adquirir en papel ou en dixital, e tamén será posible subscribirse.