A revista científica do Campus Crea pon o foco na IA
xoves, 30 de abril do 2026

- Luis Velasco, editor xefe da publicación do Campus de Pontevedra
A innovación educativa e a intelixencia artificial constitúen os dous eixes centrais do quinto número do International Multidisciplinary Jorunal CREA (IMJC), impulsada polo Campus Crea (Pontevedra, UVigo). Esta revista científica en formato electrónico reúne neste volume sete artigos asinados por investigadores de cinco universidades españolas, que afondan en cuestións como o uso da IA xerativa na docencia, no desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo ou nas limitacións do regulamento de intelixencia artificial da Unión Europea para limitar a “manipulación algorítmica”.
Concibida coa finalidade de conectar diversas disciplinas e de contribuír á divulgación científica desde unha perspectiva interdisciplinaria, a IMJC é unha publicación de acceso aberto, incluída no portal de revistas do Servizo de Publicacións da UVigo e definida polo seu “horizonte multidisciplinar”, como destaca o seu editor xefe, o profesor do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Luis Velasco.
O seu propósito é “ser un foco de recepción de propostas interdisciplinarias e transdisciplinarias sobre a idea da creatividade”, dentro do que, recoñece, están a gañar protagonismo “as propostas de artigos relacionados, sobre todo, coa creatividade centrada na innovación educativa”. Así se ve reflectido nos artigos seleccionados para o quinto número desta publicación anual, no que outros dos estudos céntranse nas aplicacións e implicacións da intelixencia artificial.
Entre as propostas seleccionadas para este número atópase o artigo que o profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo Serxio María Rodríguez presenta os resultados dunha experiencia de innovación docente desenvolvida no Grao en Traballo Social.
Outro dos traballos, asinado por Pedro Carrasco, profesor do Centro Universitario da Defensa (CUD), aborda unha proposta de innovación docente baseada no uso de IA e da análise de datos nunha materia centrada na construción naval.
Este tipo de tecnoloxías centran tamén o artigo presentado polo investigador da Universitat Pompeu Fabra Luis Maurin, quen examina a capacidade do regulamento de intelixencia artificial da Unión Europea, pondo de relevo as súas limitacións “para abordar as prácticas de manipulación algorítmica”, segundo recolle o seu artigo.
Carlos Navarro e Jonathan Jacobo Bar, das universidades de Valencia e Complutense de Madrid, presentan un estudo sobre as actividades formativas e divulgativas da Asociación Histórico-Cultural de Estudos Musicais Napoleónicos, desenvolvidas coa metodoloxía de aprendizaxe-servizo e centradas na difusión da Guerra da Independencia Española.
Tamén da Complutense, Ignacio Ruiz e Jesús Barreal asinan un traballo sobre o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) por parte do persoal docente do Grao en Turismo desta universidade, mentres que o investigador da UNED Manuel Martínez presenta un artigo no que avoga polo “método conceptual” na transmisión de contidos de ciencia política, explorando as posibilidades de innovación educativa baseadas neste enfoque.
A publicación péchase cun artigo no que Manuel Sobaler e Jorge Prada, da Complutense, presentan unha proposta didáctica baseada nos “xogos da fortificación”, unha ferramenta educativa empregada na España da Ilustración para a formación militar na mocidade nobiliaria.
