A revista dixital Criaturas, unha das estrelas do salón Culturgal que comeza este venres

xoves, 4 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana abre as súas portas Culturgal, o salón da cultura galega, e como dixemos os días pasados haberá unha boa ración de novas tecnoloxías. A cita do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, entre outras cousas de claro compoñente tecnolóxico-dixital, a presentación de Criaturas, a revista dixital especializada en literatura infantil e xuvenil que vén da man da escritora Ledicia Costas e o poeta e deseñador Daniel Landesa e que contan no seu proxecto coa estreita colaboración de escritores e artistas como Fran Alonso, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María Lado, Montse Pena Presas ou Xabier P. Docampo, entre outras e outros. A revista, nova á vez que innovadora, xorde co obxectivo de “constituír un espazo de referencia e un punto de encontro para o sector”. A presentación será ás 13.30 horas, o sábado 6 no Culturgal.
Criaturas, segundo adianta o equipo responsábel da súa posta en marcha, dará acubillo ás diferentes linguaxes que interveñen na creación de literatura para nenos, ou sexa ilustración, narración, tradución e mesmo crítica. A idea é que a revista dixital sexa tamén unha fonte informativa sobre novidades editoriais, ao tempo que se visualizan as achegas dos nosos artistas. O eixe central da publicación en liña será a literatura galega, pero tamén se dará acollida a outras culturas, linguas ou xeitos de entender o relato en calquera das súas manifestacións.
No que se refire a Culturgal, lembrar que se celebra do venres 5 ao domingo 7 de decembro e que a edición deste ano inclúe novidades importantes como a incorporación dun espazo dedicado á gastronomía e o establecemento dunha entrada de pago para o público xeral. Haberá, a maiores, presentacións literarias, musicais, teatrais e mesmo espectáculos de cociña en directo. E amosarase en detalle o que poden facer as redes e os seus sistemas pola nosa cultura en xeral. De feito, a convocatoria 2014 do Culturgal será unha convocatoria moi centrada no crowdfounding, que, como saberemos, é unha técnica cada vez máis espallada, con fondas raizames nas redes, dirixida a favorecer o achado de mecenas en liña, pequenos investidores e produtores, para todo tipo de proxectos culturais que doutro xeito ficarían para sempre no limbo da idea (e non da plasmación nunha realidade). Neste senso, a directiva do Culturgal, cuxa presidencia ocupa desde principios de ano o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, avanzou a pasada primavera que na edición de 2013 xa entraron con forza estas liñas de traballo no ámbito cultural (crowdfounding, cooperativismo e emprendemento na contorna rural), e todo indica a que centrarán boa parte das actividades da entrega que comeza este venres.
Volvendo ás accións previstas para os vindeiros días, dicir que están programadas máis de 150 ligadas aos máis diversos eidos da nosa creatividade: dende literatura a música, pasando por artes escénicas, cinema, artes plásticas, gastronomía e, por suposto, novas tecnoloxías da información. Segundo nos contaron os días pasados os organizadores, darase cabida ao meirande número de representantes da nosa cultura, ao tempo que se tentará cubrir o horizonte máis amplo posíbel en materia de público: “Dende os picariños en cueiros (que teñen a nova sección Espazo Bebés ao seu dispor, até os profesionais e programadores, terán a oportunidade de coñecer as novidades máis recentes que presentan os 70 expositores”.
Tecnolóxica e dixitalmente falando, o programa semella completiño, alén da devandita posta en longo de Criaturas. Por unha banda, presentaranse as webseries Poetarras, Clases do social, Dalle Jas!, De volta ao rural, Fame e Interfecto, acompañadas de coloquios cos seus actores e directores. Pola outra, daranse a coñecer iniciativas galegas de gran interese como a revista dixital O Botafumeiro, ou a publicación en liña Magazine, da xornalista Montse Dopico. Falarase de técnicas de financiamento a través das redes (crowdfunding) da man de Pablo Nimo e David Santomil, e afondarase, por boca dos seus responsábeis directos, nas vantaxes e funcionalidades de CreaAppcuentos, unha aplicación galega para dispositivos con Android e iOS que nos permite a creación de contos ou historias dun xeito sinxelo.

PUBLICIDADE